Manuel Pérez Lourido
Ansia e tatexos
Mediada a tarde dunha xornada morna, un papel pendurado dun portal. Ofrécese gabinete psicolóxico e despois varias patoloxías. Na memoria, que é pouca e traizoeira, as dúas primeiras: ansia e tatexos. Imos por partes. Ansia si. Toda. Dende hai tempo. Ansia desa que che morde os pes e vai subindo ata chegar aos miolos, onde bota ketchup abondo para papalos todos. Ansia luciferina que roe no día e se a deixas tamén de noite. Ansia coma un buraco que non se enche. Ansia que ten na realidade, esa cousa tan sobrevalorada, esvaradía e teimuda, unha fonte onde revive cada xornada, come se fose un Sísifo que pendura o asombro das súas costas e pelexa sen acougo contra o tempo.
Ansia: diagnóstico xeral do cidadán medio das cidades todas do mundo capitalista (fotocopias dunha fotocopia). Ansia: o remorso de terlle dado as costas á racionalidade, á Natureza, ao sentido común e a milleiros de pequenos detalliños que fixeron de nós o pobo que xa no volveremos a ser.
"Ansiedad, de tenerte en mis brazos / musitando... palabras de amor /ansiedad, de tener tus encantos/ y en la boca, volverte a besar. " Nat King Cole canta a José Enrique Sarabia.
"Esperándote con ansia en Plaza Francia, / la fragancia de tu rosa en mi pellejo” A.Calamaro canta a A. Calamaro. E así ate o final das coplas todas, que nos axudan a converter a ansia nunha celebración da nosa singularidade como criaturas rotas e incompletas.
Cando alguén nomea a palabra ansiedade a maioría dos mortais pensa inmediatamente nun par de nomes de fármacos para combatela. Na champion league dos ansiolíticos temos as benzodiacepinas e os seus derivados (por certo, Calamaro, que ten unha canción para cada cousa, escribiu "Clorazepam e circo”: "En nuestra vida real / siempre fuimos decadentes /tuvimos la libertad / apretada entre los dientes /alguien cantó "no va más... Antes Pelo, ahora Gente /antes lucha ahora circo /antes pan, ahora clonazepán ". É parvada escribir artigos cando hai xente que o canta tan ben. España é o segundo país da OCDE onde máis ansiolíticos se consumen. Datos de antes do procés, ollo. Diante de nós está Portugal. Claro que eles veñen do fado e todo iso. A saudade en Portugal é un síntoma de que todo vai ben, ou sexa, coma sempre. Nós, porén, so temos que darlle unha pasadiña polas noticias aos nosos miolos para que os picos de ansiedade nos visiten as nubes.
E que dicir do tatexo... o tatexo é un síntoma evidente de terse exposto a acción inmisericorde das noticias dos asuntos políticos durante mais de medio minuto. Abres a boca para preguntar se falta aínda moito para o apocalipse e un murmurio tatexo bate as palmas no ar como se fose unha pomba negra. Rematada a abulia miope de Rajoy, algúns queren ver no seu sucesor ao Nerón que vai queimar o país coa axuda de todos os malandros, indepes e podemitas incluídos. O caso é angustiarse. E tatexar.