Ángel Moldes
Carta aberta a Luciano Sobral
Estimado alcalde:
Se cadra sorprenderache, pero quero comezar esta carta falando de algo no que estamos de acordo: Temos un pobo extraordinario.
Poio é un lugar incomparable para vivir, para traballar e para visitar. Para descubrir e para volver. Podemos ofrecer ao mundo un inmenso patrimonio cultural e unha
riqueza natural fóra do común, pero por riba de todo, o que nos fai únicos é a nosa xente: mulleres e homes fortes, emprendedores, con coraxe e capacidade para afrontar os problemas cando xorden.
Por iso, porque sei que compartes comigo ese afecto por Poio e esa admiración polas nosas veciñas e veciños, debes entender a miña tristura ao ver como o noso enorme potencial non ten a oportunidade de realizarse, ao ver como aqueles problemas se agudizan porque non hai un alcalde que tome decisións.
E vaia por diante a miña comprensión: Entendo que gobernar é complicado, que tomar decisións é difícil, e que despois de case un cuarto de século é moito máis
fácil intentar agradar a todo o mundo, non tomar partido e deixar pasar o tempo sen actuar. Pero unha veciñanza coa coraxe de afrontar os problemas merece un
alcalde á súa altura. Facer cousas ten riscos e custos. Pero moitos menos que non facer nada.
A túa aposta por mirar a outro lado e non encarar as decisións que implica a alcaldía ten graves consecuencias para o futuro do noso concello e para os veciños de cada unha das nosas parroquias. A parálise e a falta de iniciativa en relación ao urbanismo, aos servizos, a actuacións moi necesarias para o desenvolvemento de Poio teñen un impacto real sobre e economía e as perspectivas humanas e laborais da nosa xente.
Con todo, nos últimos días afectounos especialmente esa actitude en relación a un dos principais problemas de Poio, senón o máis grave: a túa incapacidade de dar unha ubicación para a depuradora. Levamos anos sufrindo as consecuencias do teu empecinamento en non exercer a responsabilidade que te corresponde e non garantir o saneamento e a depuración de milleiros de veciños de Poio.
Esta obstinación foi provocando restricións nas bateas, no marisqueo –con graves prexuízos para os centos de familias que viven do mar–, no uso de praias –con
todo o que iso supón para o turismo, o comercio e a hostalaría–, e por último, esta mesma semana, a pésima noticia da perda dunha ”bandeira azul” nunha das nosas parroquias onde máis familias dependen do turismo.
E non son simplemente anécdotas, nin son noticias nos xornais ou discusións nas redes sociais: Son problemas reais que hipotecan o futuro de familias reais que, cando miran á casa do concello buscando ao seu máximo representante, á persoa que debe mirar por eles e actuar defendendo os seus intereses por riba de todo, non atopan máis que resignación e escusas.
Pero despois de 25 anos, un alcalde non pode escusarse en bloqueos externos ou en herdanzas recibidas. Non pode buscar desculpas fóra. Debe facerse
responsable das palabras e dos silencios. Dos feitos e das ausencias. E se un non se ve capaz de gobernar, de tomar decisións, de afrontar os problemas, de ser
alcalde, en definitiva, o responsable é dar un paso ao lado.
Non pretendo darche leccións de nada, pero sabes tan ben coma min que ser alcalde non é tan só saír a saudar desde o balcón en San Xoán. Ser alcalde
implica exercer unhas responsabilidades que levas anos sen asumir. E Poio necesita un alcalde.
Ángel Moldes Martínez. Voceiro do PP de Poio.