Marta Rodríguez Engroba
Alguén lle preguntou a ela?
Dicir que estou asombrada quédase curto.
A verdade é que non sei moi ben como definir o que sinto.
A medida que van pasando os días debátome entre o abraio, a tristura, e remato, iso si, indefectiblemente, sendo presa dunha indignación que me custa conter.
Estou a refererirme ao tema tan tremendo e doloroso como é a violación grupal cometida polos integrantes de "La Manada", uns seres abominables, aos que dificilmente se lles pode calificar de seres humanos, que someteron unha rapaza a toda clase de vexacións e de actos a cada cal mais brutal.
Non vou expresar de novo a miña opinión. Xa o fixen no seu momento e quedou clara.
Unha violación é unha violación e punto, se mire por onde se mire, polo que a sentenza que condea a estes seres desprezables a nove anos de cárcere semella para min ser unha burla, algo que teño que recoñecer que me ocorre case sempre no que atinxe as penas aplicadas en todo canto ten que ver co maltrato a muller, sexa do xeito que sexa.
Entendo, por tanto, a indignación e o clamor de toda sociedade ante o que eu calificaría de aldraxe non soamente para a vítima destes malnacidos, senón para todas as mulleres e que se visibilizase en numerosas manifestacións así como nos medios de comunicación.
Agora ben, chegados a este punto, eu pregúntome, hai un límite para todo isto?
Cando se debe parar?.
Non sei vós, pero eu teño a sensación de que prácticamente todo o mundo se erixiu en experto na materia, e non soamente os que pola súa profesión posúen coñecementos en leis, senón dende o camareiro do bar que nos serve o café todos os días, ata a veciña que atopamos no portal, pasando polo señor que nos vende o xornal, etc, etc, etc.
E qué dicir de numerosos medios de comunicación, dende xornais a programas de televisión nos que todos cantos interveñen actúan e opinan como expertos na materia, diseccionando todos e cada un dos detalles, moitas veces dun xeito morboso e mesmo noxento, se me permitides, e regodeándose en aspectos que pouco teñen de información e moito, moitísimo, de morbo malsán.
Pouco a pouco, a intimidade da vítima vai deixando de ser precisamente iso, intimidade, e cada vez se van coñecendo mais detalles da súa persoa, da súa vida, ata quedar a súa identidade prácticamente ao descuberto.
E mentres tanto, as manifestacións, os actos públicos seguen sucedéndose e sendo xa elementos fixos das noticias diarias. É imposible non enterarse delas. Están omnipresentes en todos os medios.
Din os que as promoven, os que acuden a elas, e, por suposto, os que as lideran, que a súa finalidade é, ademais de deixar claro que cando as mulleres dicimos non é non, algo co que obviamento concordo totalmente, apoiar a rapaza, transmitirlle que non está soa.
E neste punto xa comezo a discrepar.
Eu non dubido de que esa posiblemente sexa a intención real de moita xente, non de toda. Iso tamén o teño moi claro. Hai quen busca o seu momento de gloria en cada desgraza, en cada momento da dor allea, e este caso non é a excepción.
Malia iso, insisto, moita xente seguramente se manifestará de corazón, pero, ainda así, hai algo que me está a preocupar profundamente, algo que ninguén semella ter en conta.
Alguien se parou a pensar que opinará a vítima destes desalmados de todo isto, como se sentirá cada vez que ve a súa historia repetida unha e outra vez, unha historia enormemene dolorosa e da que todo o mundo fala, emite xuizos e opina?.
Porque, por moito que o intente, é imposible que non se entere de todo o que se está a publicar, a escoitar, agás, claro está, que se peche a cal e canto na súa casa sen escoitar a radio, non ver xamais a televisión, e ainda menos acceder as redes sociais.
É que a ninguén con dous dedos de fronte se lle pasou pola cabeza que esta rapaza estará tratando desesperadamente de retomar a súa vida, de ir normalizándoa pouco a pouco, tentando esquecer, ou mellor dito, asumir, porque esquecelo será imposible, a barbarie a que foi sometida, e que non se lle está a permitir?.
Porque está moi ben erixirse en adalides do feminismo, dicir que se están a defender os dereitos das mulleres e falar de revitimización, que iso, falar e teorizar son artes que neste pais noso case todo o mundo cre dominar a perfección, sen pararse a considerar nin por un momento que precisamente aqueles que mais están a falar, a berrar e a manifestarse están contribuindo precisamente a iso, a revitimizar a esta muller, facéndolle revivir unha e outra vez o acontecido.
Onde está esa empatía da que tanto falan?. E o respecto, onde está o respecto?
Non quero nin imaxinar o que será para unha muller que viviu tal inferno velo, escoitalo, reiteradamente, algo que penso que ela non pediu e que dubido que lle esté a servir de axuda.
Hai moitos xeitos de loitar, de traballar, para que atrocidades como esta sexan castigadas co rigor que merecen, sen necesidade de furgar constantemente na ferida e respectando o seu dereito a intimidade, ao anonimato, e a tentar esquecer.
Tan difícil é de entender?. Ou é que non se quere entender?
Visibilizar, reclamar a xustiza que por dereito corresponde, está moi ben, claro que sí, pero mesmo para iso, hai un límite, unha ética, e o dereito a manifestarse non pode ser a ferramenta que dane a quen é obxecto de tales manifestacións, nin moito menos utilizar a esa persoa, a súa dor, como excusa para deixarse ver, para facerse notar, como ocorre en non poucos casos.
A sociedade xa berrou, ben alto e ben claro o qué pensaba. Agora hai que seguir loitando para evitar aldraxes semellantes, e o primeiro chanzo e respectar a quen e ben doado de entender, ou debería ser, está, con toda seguridade a vivir un calvario.
Deixemos por un intre de mirarnos o embigo, de facer o que nos peta, o que mellor lle presta ao noso ego, e vamos a tentar poñernos na pel desta rapaza.
Reflexionemos como nos sentiríamos se unha de nós, ou a alguien a quen queremos, estivera a pasar por algo así.
Está a darse por sentado que esta rapaza se sente ben con todo iste balbordo que se organiza día si e día tamén... Alguén lle preguntou a ela?
Asociación Si, hai saída