Fundación Galega Contra o Narcotráfico
A "moda" de falar do narcotráfico en Galicia
Ante a proliferación de publicacións que actualmente abordan o fenómeno do narcotráfico en distintos medios de comunicación, e desde o máximo respecto a todas elas, a Fundación Galega contra o Narcotráfico considera conveniente a difusión deste comunicado co dobre obxectivo de axudar a separar a ficción da realidade e situar a dimensión actual do narcotráfico en Galicia na súa xusta medida.
Neste contexto, faise necesario realizar as seguintes puntualizacións:
1.-Falar do problema é sempre positivo.
Benvidas sexan as series, libros, publicacións, programas, etc que falen do narcotráfico. Falar do tema, visualizalo, é moi importante e positivo; non hai que esquecer que o crime organizado -e o narcotráfico o é- aliméntase do silencio, do medo, de complicidades, de chantaxes, de mirar para outro lado... Por tanto, benvido sexa falar do problema para informar e sensibilizar á sociedade ante a grave ameaza que supón o tráfico de drogas para a saúde e a seguridade de todos.
2.-Separemos o pasado do presente.
É bo coñecer a historia, neste caso para non volver repetila. E tamén é necesario separala do presente. Convén aclarar que no caso galego e en termos xerais as situacións que se retratan en moitos casos son historia, o relato dun período bochornoso no que o narcotráfico, aproveitando a aceptación social do contrabando, tratou de asentarse e lexitimarse na nosa sociedade. Un tempo escuro que chegou a comprometer seriamente o futuro da nosa terra. Desde aquel entón ata hoxe as cousas cambiaron, e moito.
Afortunadamente foi a propia sociedade galega a que, esporeada polo dano e a dor de moitas familias, empezou a rexeitar de forma contundente o criminal negocio do tráfico de drogas. O elemento diferenciador foi a percepción do enorme dano que causaban as drogas. En amplos sectores sociais o contrabando de tabaco admitíase. O narcotráfico non. A conciencia social, o labor da Xustiza e as forzas de seguridade lograron identificar, rexeitar e condenar aos narcotraficantes e a todas as complicidades que se teceran desde os tempos do contrabando na política, nas institucións, na xustiza, nas forzas da orde e no seo da propia sociedade.
O tempo inicial no que o narcotráfico gozaba de impunidade e contaminábao case todo está superado. Aínda que o problema non está -nin moito menos- resolto, hoxe a realidade é outra en Galicia: o tráfico de drogas é unha actividade criminal e moi perigosa, pero marxinal. E isto é moi importante. Os traficantes son criminais que están absolutamente á marxe da lei, que delinquen ás agachadas e co rexeitamento maioritario e inequívoco da sociedade galega.
Nada que ver con aquelas descargas de tabaco a plena luz do día e con total impunidade, que acabaron por traer o sinistro negocio das drogas. Co esforzo de todos e o sufrimento de moitos, Galicia é hoxe un referente no rexeitamento social ao narcotráfico -un elemento imprescindible para o éxito de calquera estratexia antidroga- e unha comunidade pioneira na implantación de diversas medidas encamiñadas a potenciar a loita antidroga. Tan certo como isto, e absolutamente compatible co anterior, é o feito de que actualmente en Galicia e en España seguimos tendo un grave problema co tráfico de drogas.
Unha actividade criminal que compromete gravemente o benestar e a seguridade de todos, contra a que seguimos tendo que traballar coa máxima intensidade e firmeza, facilitando medios xudiciais e policiais e apostando pola prevención na escola, na familia, na sociedade. Enfrontámonos a un inimigo capaz de derrocar gobernos, de destruír sociedades e paises enteiros. Non hai máis que ver o que sucede noutras latitudes, como lles vai a aquelas sociedades que no seu momento foron indulxentes co narcotráfico.
3.-Separemos a ficción da realidade.
Un narcotraficante non é ningún benefactor, non é máis que un vendedor de veleno, un delincuente que fai moito dano á súa propia terra, causando a dor de miles de familias. E non é ningún filántropo. Sucede en todas as sociedades onde a mafia prospera, o criminal, que negocia con morte e sufrimento, trata de comprar respecto social con diñeiro sucio, manchado de sangue. Isto percíbeo a sociedade galega, que desde hai moito tempo rexeita frontalmente o narcotráfico e situa aos traficantes como criminais absolutamente á marxe da lei. Debemos honrar o recordo dos miles de enfermos e as súas familias, a memoria de quen arruinou as súas vidas co drama da adición ás drogas e a memoria de quen loita contra esta lacra. Nunca a de quen trouxo -e traen- a droga ás nosas rúas.
4.-O diñeiro que trae a ruína
Pode parecer que, a pesar de todo, as mareantes cifras do negocio da droga levan a riqueza alá onde estean. Nada máis lonxe da realidade. O contrabando de tabaco primeiro e o tráfico de drogas despois han traido sempre depresión económica, competencia desleal e cultura do delito, de vivir á marxe da lei. De traficar e non traballar, de diñeiro fácil e gañado sen esforzo. Aínda xogando a ser benefactores duns poucos, o narcotraficante e o seu diñeiro, lonxe de dinamizar unha zona, destrúen o seu tecido económico e afúndeno, arrasan calquera indicio de progreso porque ao seu lado non hai formación, nin cultura do esforzo, nin ganas de traballar, nin de emprender... Sen esquecer o enorme dano que causan os negocios abertos para branquear diñeiro como competencia desleal de honrados comerciantes e empresarios.
5.-Creadores de opinón
Os medios de comunicación teñen unha importante responsabilidade na sociedade actual. Non só son provedores de información e entreteniemiento. Contribúen de forma significativa a crear opinión, a opinión de miles, de millóns de persoas. Por iso é tan importante a mensaxe que transmiten á sociedade.
6.-Agradecemento ás FCSE e a Autoridade Xudicial
Na batalla que se librou desde Galicia contra o narcotráfico non debemos esquecer, ademais da sensibilización da sociedade, o gran labor desenvolvido por xuíces, fiscais e membros das forzas de seguridade. Á marxe de apatías e corruptelas que é necesario rexeitar con especial contundencia, convén destacar -e agradecer- o excelente traballo de quen, aínda hoxe, xóganse a súa integridade en deter e procesar a estes criminais.
7.-De maior, NON quero ser narcotraficante.
Este nefasto exemplo do pasado, o dos mozos que querían ser contrabandistas non debe repetirse. Non fagamos que agora os nosos nenos e mozos queiran ser narcotraficantes de maiores, porque non hai unha soa historia destas que acabe ben. Máis tarde ou máis cedo, os narcos arruínan a súa vida e acaban pasando longos anos no cárcere; en moitos casos menos dos que debesen. E é bo que os nosos mozos sáibano, especialmente quen nalgún momento teñan a tentación de empezar neste sinistro negocio.