Marta Rodríguez Engroba
Confirmado. A nós, ás vítimas, tómannos por idiotas
Cústame, e moito, ordear as ideas para comezar a escribir este artigo, e non porque non teña claro o que quero dícir, nin de lonxe. Claro, non, clarísimo e ben alto.
O que ocorre e que a mestura entre asombro, indignación e o convencemento de que, definitivamente, a nós, as vítimas de violencia de xénero, tomáronnos por idiotas, ademais de confirmar o que xa era unha lamentable certeza, que todo vale, calquera excusa serve para xustificar determinados "dispendios" e facer que se fai, consiguen que me sinta como se tivera dentro unha bomba a piques de estalar.
Esta semana os medios de comunicación recollían a condea a vinte anos de cárcere do asasino de López de Neira, en Vigo, Diego Pedrido, por matar a golpes e asfixiar a que fora a súa parella.
Non vou a afondar agora no barato que sae asesinar mulleres, e que neste caso, como en tantos outros, se lle aplique un atenuante "por confesión", non porque non teña moito que dicir sobre isto, que teño e non pouco, senón porque, cando ainda estaba tentando dixerilo, saiu publicada outra nova que xa superou a miña capacidade para ficar calada.
Agora resulta que o Observatorio contra Violencia de Xénero, rizando xa o rizo do despropósito, anuncia a bombo e platillo que vai facer un estudo sobre este asasino, analizando non soamente a el, senón a súa contorna e o seu ambente, para así descubrir a "pedra filosofal" que lles explique por que, como tantos outros, matou a unha muller.
Explícan, ademais, que ata o día que cometeu o brutal asasinato, e pasado este era, según o seu avogado, un rapaz normal, "encantador", e actualmente, un preso modelo.
Din tamén que non se detectou ningún sinal previo do que ía facer e que non había denuncias por malos tratos.
Moitos parabéns, si señor, tanto por tan sisudas reflexións como pola loable decisión de estudar a este señor!
Así estamos a estas alturas! Se isto é o que avanzamos na loia contra a violencia de xénero, mais vale que as mulleres nos poñamos a tremer, porque se algunha de nós sobrevive, será de milagre.
Imos ver. Estamos tentando que a sociedade se conciencie de que, do mesmo xeito que non existe un perfil predefinido de muller maltratada, tampouco o hai do maltratador. É totalmente delirante que sexa precisamente o Observatorio contra a Violencia de Xénero o que esgrima tales teorías.
Que nos digan que era encantador da ganas de berrar, o mesmo que afirmar que é un preso modelo. Obvio, é un maltratador, é de libro!
E aínda por riba, rematan dicindo que está moi arrepentido, que lle pediu desculpas a familia, e que o asasinato, segundo o seu avogado foi un feito puntual provocado pola dependencia emocional que tiña da vítima, pero que despois confesou e colaborou... De traca!
Perdoádeme se me paso, pero a min isto paréceme, sinxelamente, indecente, ademais de botar por terra toda o labor que se tenta facer na procura da concienciación da sociedade contra a violencia de xénero, e, por suposto, contra os que a cometen.
Unha vez mais atopan a escusa perfecta para recadar fondos e encher despachos, para, presuntamente, realizar tarefas que serán acometidas por mentes privilexiadas, non digo que non, e que seguramente lles asegurarán uns nada desrezables ingresos aos seus posuidores, pero que non van impedir en absoluto que a nós, ás mulleres, nos sigan matando.
Eu non digo que os estudos sexan malos... faltaría máis!, pero penso que é de sentido común establecer prioridades, e máis cando se está a falar de vidas.
Non sería mais lóxico aumentar os recursos destiñados a atención e protección das vítimas da violencia machista?
E que tal se tamén se pensara en garantirlles os recursos precisos para que, unha vez rachadas as cadeas co seu maltratador poidan vivir dignamente e proporcionarlles aos seus fillos canto precisan, ademais dunha vida sen medo?
De que lles sirven as vítimas tantos estudos se non hai policías que as protexan cando o precisan, se cada vez que saen a rúa o pánico ao seu agresor e a súa única compaña?
Por que non se ocupan primeiro do básico, de axudalas a sobrevivir, a reincorporarse a unha vida normal na que non teñan que levar unha espada de Damocles sobre a súa cabeza de por vida?
E que tal se se empregasen parte deses fondos destinados a eses estudos en mellorar o proceso de selección do persoal que traballa con vítimas de violencia de xénero en todos os eidos, a facela máis rigorosa e a asegurar que sempre fosen atendidas coa sensibilidade e a humanidade que merecen?.
Iso si, xa que os estudos lles gustan tanto, igual era unha boa idea que fixeran un, e ben exhaustivo, sobre este punto, sobre as persoas que non sempre teñen moi claro que tratan con vítimas, e non con delincuentes, nin con obxectos sen sentementos.
Podería facer unhas cantas suxestións máis, pero seguramente non serían ben recibidas, porque resultarían moito menos rendibles e darían, sen dúbida, moito mais traballo, e iso, a quen lle interesa?
O que me parece máis grave, gravísimo, é que todo isto proceda precisamente do Observatorio contra a Violencia de Xénero, porque é unha mostra do tratamento e da importancia, ambos moi dubidosos, que, desde algúns estamentos con competencias na materia, se lle está a dar á violencia de xénero.
Eu pregúntome, alguén deste observatorio ten a máis mínima idea do que é a realidade dunha muller maltratada?
Creo que a resposta é obvia, e iso si que é digno de estudo.
O que está claro é que, ademais de non avanzar no intento de erradicar esta tremenda lacra, semella confirmarse algo que eu sospeitaba desde hai moito tempo, que a nós, ás vítimas de violencia de xénero, están a tomarnos por idiotas.
Asociación Si, hai saída