Tribuna Viva
Asunto "Xoán Hermida"
José Manuel Duarte Solla, funcionario do concello de Pontevedra, delegado de Persoal pola Confederación lntersindical Galega, con enderezo a efectos de comunicacións en Pasantería 1, 2° esquerda, 36002 de Pontevedra, pola presente quere aclarar determinados feitos que están sendo mediatizados sen que todo o que se traslada sexa certo, e deixando en mal lugar a Policía Local de Pontevedra.
Nesta última semana saltou á prensa unha infracción de tráfico (presunta) cometida por un veciño da vila, ese veciño ten relación cun grupo político. E facendo uso da súa condición de personaxe público, airea, ó seu xeito, a forma en que se produciron os feitos, deixando nun mal lugar a intervención policial.
Resulta que o señor Hermida argumenta na súa defensa motivos de enfermidade familiar, e acusa de falta de empatía aos policías... Logo, na evolución da "noticia", o Sr. Hermida argumenta que o policía, cando el presenta unha queixa sobre a actuación policial, fai un informe "ad hoc", no que para tratar de xustificarse minte, argumenta que copiando do que irnos chamar asunto "Paula de Santiago", se inventa un argumento semellante.
O certo Sr. Hermida é que vostede non di toda a verdade, non vou dicir que minte, porque non o sei, pero vostede non di a verdade.
Non vou relatar o que sucedeu aquel día de setembro, xa que tamén son policía, e a miña profesionalidade non mo permite, pero o que si vou aclarar, facendo uso do que vostede xa contou e publicou nas redes. O certo é que houbo un requerimento para que a policía local intervira por un vehículo mal estacionado na praza de Méndez Núñez, que impedía a montaxe dunha terraza. Chegada alí a patrulla, fixeron o que teñen que facer, denunciar o vehículo, logo chegou vostede, e produciuse un intercambio dialéctico, no que non vamos entrar, e que vostede coñece perfectamente ... , e agora ven o que vostede ou descoñece ou cala.
Os policías naquel día, ante o "inusual neste século" dos argumentos do condutor que estaba a ser denunciado, comunicaron aos seús mandos inmediatos o sucedido, e o responsable naquel día ordenou que se tomaran datos das posibles testemuñas do alí dito e se deixara constancia formal, e así o fixeron ... SI señor, no mes de setembro, no mesmo día da intervención, cando o asunto "Paula de Santiago" non era coñecido, polo que os policías difícilmente puideron copiar os argumentos de ninguén, simplemente fixeron o seu traballo.
Fala o Sr. Hermida, da empatía que deberon ter os policías pola súa situación personal, pero non fala de que non o denunciaron ante a Subdelegación do Goberno, polas presuntas argumentacións que el fixo, que igual constituían outro tipo de infracción, e que os policías deixaron por informe, pero non denunciaron.
Igual logo, si fixeron uso desa empatía que tan dignamente lle foi sustraída.
Queixase o Sr. Hermida, de que non se deu trámite ata agora a aquela intervención, igual é que se fixo o que había que facer, tramitar as denuncias formuladas e arquivar o informe de intervención, como se fai a diario. Igual se reactivou o asunto cando o Sr. Hermida presentou o seu escrito, e como se fai sempre, ante calquera queixa se require informe ós policías intervinientes, que emiten novo informe, remitíndose ao primeiro. O extraño é se a intervención dos policías foi tan inadecuada, por que a queixa tardou tantos meses en ser presentada? Alomenos parece algo raro.
Logo, tirando de asuntos similares, temos que escoitar como un concelleiro da corporación municipal acusa a policía local de ser a "garda pretoriana" de Lores, que incluso se chegan a perdoar alcoholemias a concelleiros do BNG, non debería parar ahí, diga o que sabe ... porque este delegado sindical que escribe, non ten nin idea diso, e o que di é un delito, e deixa en moi mal lugar o meu colectivo, polo que lle pido Sr. Concelleiro, que non cale, salvo que se lle fora a lingua con supostas tramas máis de caracter cinematográfico.
Co presente o único que se trata é de transmitir a obxetividade coa que traballa a Policía Local de Pontevedra, allea a plantexamentos de interese político, ou a tratos desigüais e rancios, propios do século pasado, no que calquera personaxe de certa relavancia social estaba lexitimado para ameazar a un policía con que lle colgaba o uniforme. Iso señores é historia.