Marta Rodríguez Engroba
Eu tamén calei a verdade. Puiden ser unha máis
Doris Valenzuela chegou a España nun programa de refuxiados, despois dun longo calvario, no que mesmo un dos seus fillos, un bebé, morreu como consecuencia dun disparo cando o tiña nos brazos, na procura dunha vida mellor, dunha vida sen medo, para ela e para a súa familia.
E foi aquí, en España, onde un desalmado, co que ela quixo romper todo vínculo, decidiu que o seu nome fora un máis da traxicamente longa lista de vítimas de violencia machista.
Este feito xa é suficientemente tremendo por se mesmo, pero o que realmente me arrepía, e fai que hoxe me custe moito, moitísimo, escribir estas liñas, porque sinto que me invade o desánimo, a carraxe e a impotencia máis absolutas é que todo apunta a que o asasinato de Doris era previsible, ou, dito doutro xeito, puido ser evitado e, unha vez máis, os que tal vez tiñan nas súas mans a potestade de activar os mecanismos que a salvaran, optaron pola solución máis cómoda. Non indagar e escudarse agora, que Doris xa non está, nunha pretendida ignorancia, da que a propia Doris é mesmo culpable, por non contar o que estaba a acontecer na súa vida.
É totalmente inadmisible, e non hai xustificación algunha, por moito que se empeñen os que, coa súa neglixencia, colaboraron, malia que nunca o admitirán, a que este crime se consumara, digan que ignoraban que esta muller fora vítima de malos tratos, porque ela nunca o dixo.
Como é posible que ningunha das persoas, supostamente profesionais cualificados, como se supón que deberían ser os do Equipo Municipal de Atención a Violencia de Xénero, aos que ela recurriu, así como o profesional da Cruz Vermella que, según din, a asesorou e acompañou, por moito que agora tenten xustificarse alegando que ela soamente solicitou asesoramento para divorciarse, se decatase de que hábía algo máis, de que algo moi grave ocorría na vida de Doris?
E totalmente inadmisible e demencial que profesionais dedicados a axudar a vítimas de violencia de xénero ignoren un dos comportamentos máis común entre todas as mulleres que, nalgún momento das nosas vidas, nos atopamos nesta terrible situación. Tentar agochar a verdade, disfrazala, porque o pánico que sentimos do noso agresor, a incerteza do futuro que nos agarda a nós e aos nosos fillos, o terror ás posibles represalias posteriores do noso verdugo, nos aterrorizan tanto ou máis que ese calvario que vivimos cada día e nos fai calar o noso inferno, coa esperanza de acadar unha alternativa que nos dea a oportunidade de, polo menos, afastarnos de quen ten a nosa vida nas súas mans.
Que o contemos é algo que soamente se consigue con moito agarimo, psicoloxía, unha dose considerable de empatía, e moita, moitísima paciencia, que permitan aos profesionais que teñen a obriga de axudalas, poñer en marcha os protocolos precisos, que poden ser a súa salvación, do mesmo xeito que a súa desidia será, case con toda probabilidade, a súa sentenza de morte. A solución, obviamente, non pasa por facer unhos sinxelos trámites burocráticos, moito máis cómodos, non cabe dúbida, e a outra cousa. Ao fin e ao cabo, eles, como cada mes, cobrarán o seu soldo, e non teñen ningunha necesidade de complicarse a vida cun proceso un tanto farragoso, cando, con sorte, non pasará nada e, no peor dos casos, se pasa, teñen preparada unha considerable batería de excusas, que apontoarán con minutos de silencio e concentracións con xesto cariacontecido, nas que os políticos de turno, e todos cantos son "alguien", prometerán solucións, e accións que din emprenderán de inmediato, pero que, por suposto, nunca se levarán a cabo.
Todo isto, a gran traxedia de Doris, de tantas e tantas mulleres asasinadas por desalmados que matan, din que por amor, e doutras moitas que, seguramente, porque non se está a facer nada por impedilo, correrán a mesma sorte, non fai máis que demostrar o que desde Si, hai saída vimos esixindo desde hai moito tempo e que ninguén semella querer escoitar. A imperiosa e urxentísima necesidade de facer unha exhaustiva criba de todos cantos traballan con vítimas de violencia machista e o rigor máis firme na selección destes.
Nin toda a formación, nin tampouco todos os títulos académicos do mundo, poden garantir, en modo algún, a sensibilidade, a humanidade, que require a atención a unhas mulleres que viven, que vivimos, inmersas no terror. Non hai universidade, ou academia, en ningures, que proporcionen sentementos, que provean de corazón a quen non o ten.
Menos ainda se debe encomendar as súas vidas a aqueles que chegaron a determinados postos por "enchufismo", aínda sabendo quen os apadriña da súa indiferenza, de que soamente lles preocupa ter os petos cheos co mínimo esforzo posible, con tan só ter a habilidade de facer que fan, unha habilidade que, sen dúbida, posúen, e perfeccionan cada día. Para iso non escatiman esforzos. Poden non ter escrúpulos, pero tontos non son.
Eu non son quen, nin creo que nunca chegue a selo, de entender como poden durmir cada noite sabendo que están poñendo a tantas mulleres, as súas crianzas, na beira do abismo, pero supoño que para iso tería que ser coma eles, e, afortunadamente, non é así.
Tal vez non sexa moito mellor, pode ser, pero a vida se encargou de darme unha lección inesquecible, cuxas pegadas nunca se borrarán de todo.
Eu, como intúo que fixo Doris, tamén calei a verdade. Eu tamén tentei convencerme de que, seguramente, atoparía unha alternativa, e tamén concebín a ilusa esperanza de que, de non ser así, alguien próximo a min se decataría do inferno que estaba vivindo, do terror que eu non era quen de verbalizar.
Disfracei o pánico de crises, de depresións, coa esperanza de que o meu cambio, que se facía mais evidente cada día non pasaría desapercibido, pero foi inútil.
Eu sobrevivín, fun afortunada, pero para moitas mulleres, o mesmo que para Doris, o silencio produto do medo, pode ser letal.
Como letal é a indiferenza, a insensibilidade, e a inoperancia de quen optou por traballar con vítimas de violencia de xénero tan só porque lle tocou, no mellor dos casos, ou, e isto xa é tremendo, na procura do seu beneficio profesional e económico.
Sexan cales sexan os motivos, a única e dura verdade é que non teñen perdón, nin eles, nin quen, sen ter para nada en conta a gravidade dos seus actos, lles deu atribucións para xogar coas vidas de tantas mulleres.
Se mire por onde se mire, eles tamén son culpables. Tamén axudan a matar.
Asociación Si, hai saída