Marta Rodríguez Engroba
Non vou falar de Gabriel. Vou falar de conciencia
Non vou falar de Gabriel. Sobra quen o faga.
Tan só lle vou desexar a ese pequeno anxo que, aló onde estea, o deixen descansar, e que se faga xustiza.
O que si é certo é que o que vou comentar está estreitamente relacionado co seu asesinato, e amosa, na miña opinión, a cara máis desprezable, mais miserable, de moitos que se fan chamar seres humanos e que non son, na realidade, mais que auténticos depredadores de sentementos e mercenarios da dor.
Estou a referirme a esa "fauna", e desculpádeme a expresión, que xurdiu desde o momento no que se coñeceu o tráxico final do neno. Esa fauna que se erixiu, primeiro, en xuiz e parte, e que fixo alarde de salvaxismo cos seus berros, cos seus amagos de agresión, tentando demostrar unha solidaridade que máis lembra a barbarie, e que se viu secundada por todos aqueles que non dubidaron en sacar a relucir a súa vena xenófoba, achacando a brutalidade do crime a raza e a nacionalidade da presunta autora, inundando as redes sociais de insultos e de comentarios que, agás por non levar a arma na man, pouco os diferencia da presunta executora material do crime.
Obviamente, a esta clase de personaxes, é inútil tentar explicalles que a maldade, a crueldade, non son patrimonio de ningunha nacionalidade ou etnia, e tampouco se decatan, a vista está, de que eles son o vivo e lamentable exemplo do que estou a dicir.
Tampouco o é a xenofobia mais deleznable. E tamén nisto me reitero. Eles son a evidencia mais palpable.
Pero, por se isto non abondara, moitos ainda foron mais alá.
Para alardear dos seus "loables sentementos" e da súa sede de xustiza, non dubidaron en sacar a relucir, agora, oito meses despois, o caso de Naiara, a nena asasinada o pasado verán en Sabiñánigo, e a que case ninguén, incluidos estes abominables xusticieiros, Se dignou a dedicarlle un só minuto, o mesmo que a Sara, tamén de curta idade e a que mataron en Valladolid tan só unhos días despois .
Ningunha das dúas mereceu, polo visto, mobilizacións. Tampouco se pediu xustiza para quen cometeu tales atrocidades con elas, nin para quen se sospeitaba que as consentiu, ou mesmo puido provocalas coa súa neglixencia, sendo, por tanto, cando menos, cómplice.
E así segue sendo para Sara. Pero, fíxadevos que casualidade, que xustamente agora as conciencias adormecidas espertaron, e, de súpeto, lles veu a memoria a imaxe de Naiara, que non dubidaron en difundir a través das redes sociais, remarcando a cor da súa pel, e esgrimíndoa como a razón para que a súa morte fora ignorada, cousa que eles tamén fixeron, pero do que, grazas a esa memoria selectiva da que semellan gozar, xa non se lembran.
Dignos de mención son tamén, todos aqueles que, como era de agardar, as cousas como son, por unha e outra razón, semellan estar ao cabo da rúa sobre o tráxico caso, e aproveitan para ter o seu momento de gloria nos medios de comunicación, regodeándose unha e outra vez na dor allea e recreándose nos detalles máis morbosos.
Síntoo, pero non son quen de calar ante tales indignas manifestacións.
Se hai algo que me supera é a falta de escrúpulos, o comportamento carroñeiro de individuos que nunca na súa vida moveron, nin moverán, un dedo por ninguén que estea sufrindo ao seu carón, pero que non dubidan en comportarse como verdadeiras aves de rapiña ante a desgraza, lle toque a quen lle toque, con tal de facerse notar.
Sei que, as veces, o que digo pode soar demasiado duro, pero a eles, con toda rotundidade, lles digo que os desprecio profundamente, e que lles desexo, porque, malia todo, creo que, afortunadamente, non son coma eles, non digo que mellor, faltaría máis!, pero, desde logo, non igual, que ogallá a vida non lles pague coa mesma moeda, e cheguen a coñecer na súa pel o sufrimento do que eles tentan sacar o maior partido posible.
Por eso, hoxe non falo de Gabriel. Hoxe prefiro apelar a conciencia… de quen a teña, claro está.
Asociación Si, hai saída