Marta Rodríguez Engroba
Tiña que dicilo
Aínda coa resaca da que xa se considera unha xornada histórica por mor da folga de mulleres, non podo evitar expresar a sensación de desacougo e de certa tristura que me embarga, porque hai cousas que, sinceramente, non son quen de entender.
Eu, por descontado, apoio todas aquelas accións que redunden en acadar esa igualdade que aínda se nos escatima as mulleres, independentemente de que, polas circunstancias que sexan, participe ou non nelas, e respecto profundamente a aquelas mulleres, e si, aquí estou a referirme soamente ás mulleres, ás que se implican de xeito activo na súa organización.
O que xa non son quen de entender é que ese respecto non teña a reciprocidade que eu creo sería de desexar. E que ninguén pense que estou a xeneralizar, nin moito menos. Afortunadamente non todo o mundo actúa de igual xeito, pero o certo é que me resulta bastante incoherente que, por parte de certos sectores do feminismo, se berre en prol da igualdade, da liberdade, e,por outra banda, se tente impoñer o seu criterio a calquera prezo.
Isto é algo que se fixo patente os días precedentes á folga de mulleres do 8M. A medida que os días ían pasando e nos achegábamos ao día D, o meu asombro medraba ante moitas cousas que lía e escoitaba.
Custábame dar creto ás críticas despiadadas e mesmo ás, nalgúns casos, claras faltas de respecto cara canta muller ousaba manifestar a máis mínima discrepancia coa folga ou manifestaba a súa intención, por unha ou outra razón, de non participar nela, algo que, na miña opinión, vai en clara contradición con un dos dereitos mais elementais de calquera persoa, a liberdade.
Tampouco se evidenciou comprensión cara aquelas mulleres que, aínda compartindo o desexo de manifestarse, de saír á rúa e unirse á folga, non teñen a posibilidade de facelo porque isto podería significar mesmo perder o seu emprego, un emprego case con toda probabilidade precario, pero seguramente o único medio de subsistencia para elas e tal vez para os seus fillos.
Porque claro, é moi doado reivindicar, berrar, para todas aquelas que saben que ao día siguinte a folga o seu posto de traballo seguirá aí, agardando por elas, pero a min gustaríame preguntarlles que farían ante a posibilidade de quedar na rúa, pero, iso si, demostrándolle ao mundo que son feministas, que teñen principios. Acudirían na súa axuda algunha das que as criticaron, das que as acusaron de non ser feministas por optar por conservar o seu sustento, o da súa familia?
Francamente, que me permitan que o dubide. Erixirse en adalides, en contestatarias, cando o seu traballo e o seu soldo están asegurados, non vou dicir que non teña mérito, pero non é, obviamente, comparable a situación de tantas mulleres que ven o seu traballo na picota.
Tampouco faltou o rexeitamento cara aquelas mulleres ás que se lles presupón certa vinculación política ou se as acusa de inclinarse "sospeitosamente" cara ao lado incorrecto, porque, polo visto, isto non ía do que eu cría, de reivindicar a igualdade entre homes e mulleres, e de reclamar o lugar que por dereito nos corresponde, aparcando por un día as connotacións políticas e unindo forzas, demostrando que, efectivamente, as mulleres facemos forza. Obviamente, nalgúns casos, estaba errada.
Tampouco a posibilidade, ou máis ben a realidade, de que hai moitos xeitos de loitar, todos eles moi dignos e igualmente válidos, tivo cabida.
Eu celebrei un dos 8 de Marzo que seguramente lembrarei con mais agarimo que ningún e que me fixo atopar un sopro de aire fresco. Compartín a miña xornada con diversos grupos de rapazas e rapaces dun centro de ensino cos que falamos de igualdade, da loita contra a violencia de xénero, e tamén, como non podería ser menos, de respecto e tolerancia.
Que gran exemplo, malia a súa xuventude, de capacidade para o diálogo, para comprender e para compartir opinións, pareceres, demostrando que discrepar non ten por que ser malo, podendo resultar, pola contra, sumamente enriquecedor!
Non podo, por outra banda, evitar preguntarme se acaso ter dedicado o día a esta actividade me converte en menos feminista, porque á vista de certas sentenzas, que non comparto, semella que soamente hai un xeito válido de loitar.
Resúltame francamente difícil entender como se pode falar de feminismo, e, ao mesmo tempo, levar a práctica a intolerancia mais absoluta e o rexeitamento a todo aquilo que non concorda coas propias ideas, sen pararse a pensar que ninguén está na posesión da verdade máis absoluta, e que non todo e branco ou negro. Tamén están os grises.
Teño que recoñecer, ademais, que non levo nada ben que se tente impoñerme o que debo facer ou pensar, como para min perden todo valor aqueles que se cren con dereito a facelo.
Respecto profundamente o traballo e a loita de todo o mundo, e se hai algo que me apena é ver como isto non é algo que se faga sempre.
Non entendo como se pode falar de feminismo, de igualdade, e tentar impoñer o que cada quen debe facer, ou como debe actuar, e rexeitando a quen non se mostra disposto a toleralo.
Tampouco entendo, francamente, a quen amosa o seu compromiso, a súa implicación, tan só nas datas sinaladas, esquecendo que o compromiso verdadeiro, a implicación sincera, é un traballo de cada día, non sempre recoñecido, pero de corazón e crendo no que se está a facer.
Eu sempre loitarei polos dereitos das mulleres, por axudar a canta muller poida a escapar do inferno da violencia de xénero, pero nunca, e repito, nunca, vou tolerar imposicións, nin que ninguén se crea con dereito a esixirme demostracións.
Posiblemente moita xente non concordará co que estou a dicir. É máis, estou segura, pero, aínda así, síntoo, tiña que dicilo.
Asociación Si, hai saída