Victoria Portas
Fenda salarial = Empobrecemento da muller na vellez
Unha xustiza sen perspectiva de xénero, non é xustiza, é outra cousa. Lograr a plena igualdade entre homes e mulleres en materia de protección social, e especificamente en relación ó sistema público de pensións é imposible á luz das reformas na Lei 27/2011 e RDL 5/2013.
O salario medio das mulleres é do 76,7% do dos homes. A fenda salarial é de 6.000 euros anuais.
Cando o 50% da poboación son mulleres, non nos podemos permitir un sistema inxusto que as discrimina; un sistema que perpetúa unha precariedade porque non se contabiliza como traballo cotizado a crianza das fillas e fillos ou a atención á dependencia de familiares. Feminízase a pobreza ao chegar o tempo da xubilación. Vexamos algunhas cifras:
- Total pensións sistema (nº): 9.572.4222
- Homes: 4.645.258
- Mulleres: 4.927.082
- Total Media Pensións (euros): 930,27 euros
- Media Homes: 1.147,98 euros
- Media Mulleres: 725,02 euros
Falamos dunha diferencia de 422,96 euros.
As últimas reformas levadas a cabo no 2011 polo PSOE e en 2012-13 polo PP acentúan esta fenda, agravándoa considerablemente pola ampliación no período de cotización necesario para conseguir unha pensión de xubilación, aumentar en número mínimo de anos cotizados, incrementando a penalización das lagunas de cotización e endurecendo as regras de cálculo da pensión en función das cotizacións.
Este comportamento patriarcal na actual política perpetúa que as mulleres levemos a cabo os coidados e atencións á infancia e ás persoas maiores, porque as inversións en dependencia e conciliación familiar diminúen no primeiro eido e son nulas no segundo.
Aínda que a esperanza de vida das mulleres sitúase 5 anos por enriba da dos homes; a pobreza ten cara de muller porque as posibilidades de caer en dependencia son maiores. Hai que recordar, e que se lles poña o rubor nas meixelas, que o 30% das pensións non alcanzan os 600 euros.
As persoas que cobran unha pensión con complemento de mínimos, é dicir 2.399.588, hai 844.433 homes e 1.555.155 mulleres. E se falamos da pensión superior a 2500 euros hai 302.508 homes e só 57.388 mulleres.
É certo pois, que a solución non vai vir porque goberne este ou outro partido. Debemos reflexionar sobre os efectos que provoca este sistema insolidario coas mulleres e pensar nas posibles alternativas.
As mulleres, que son o 50% da poboación, non deben verse máis como cidadás precarizadas. Elas foron, son e serán pilares fundamentais do noso país. Se as mulleres paran, para o mundo.
Polo Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas.
Victoria Portas