Manuel Pérez Lourido
Entroido galego
O do Entroido pode ser un tempo marabilloso segundo te colla. Se es un neno vai ser doado que te afecciones ao compoñente de xogo que ten o asunto dos disfraces. Adolescentes, ou pre, e mozos sonche cativos evolucionados, polo que adoitan gozar tamén desta festa. Xa de adulto, cando o neno que levas dentro está afogado entre hipotecas, as obrigas familiares, a carraxe que te entra cando os veciños poñen a televisión moi alta e os bandazos que pega o colesterol... iso é outro cantar. E outro bailar. O Entroido é para iso: cantar, bailar e disfrazarse. O de comer e beber xa o facemos todos os días.
Unha cousa que non entendo do Entroido en Galicia ten que ver coa xente que camiña lixeira de roupa pola rúa adiante en pleno febreiro. Eses individuos e individuas que descoñecen a existencia do termómetro. Hai miles de cousas, persoas e animais aos que suplantar e ti elixes unhas mallas, roupas de tule e bailarinas. O teu xa é vicio. Masoquismo se lle chama. Xa non falemos das comparsas que pasan con aires caribeños e vestidos a xogo, coas rapazas morrendo de frío, que se lle pon a cara de circunstancias, ou sexa morada, e as perniñas anunciando a necesidade de reanimación cardio-respiratoria. Hai un Entroido en Brasil, ou en Tenerife poñamos por caso, e outro nas xélidas terras do nordés. Non mesturemos as cousas. Se o noso Entroido é o tempo do cocido e do lacón con grelos non pode ser tamén o do despelote tropical. Escoitar os sons da samba nunha beirarrúa, abrigado ata as orellas é unha experiencia surrealista coma outra calquera.
O noso, en todo caso, é iso do domingo fareleiro: encherse de fariña ata arriba ten unhas connotacións moi aproveitables. O asuntos dos peliqueiros e das pantallas e dos cigarróns ten un compoñente tribal e antropolóxicamente moi rico, por moito que agora pareza unha extravagancia duns tipos de Laza ou de Verín. Polo menos van ben abrigados.
Non sei, xa se sabe, quen sabe. Pódese comezar de calquera destes xeitos a escribir unha frase para defender as bondades do Entroido, sobre todo se es galego. Para explicar que é bo de cando en vez pintar a mona, regulamentariamente ou non, e revivir o neno que levamos con nós.