Marta Rodríguez Engroba
Vítimas de violencia de xénero: cando o sistema tamén maltrata
Esta semana o portavoz de En Marea denunciaba a supresión do Servizo de Psicoloxía de Atención ás Vítimas, dedicado principalmente a atención de mulleres maltratadas.
Esta medida, que priva as vítimas dunha axuda que hai tan só uns meses se publicitaba a discreción, nun intento máis de convencernos de que a protección que desde os Organismos e Institucións con competencia nesta materia é a que se precisa, non é senón unha demostración máis de que o que se nos está a vender é sinxelamente fume e que as vítimas da violencia de xénero estamos cada vez máis desprotexidas, a mercé dun sistema que, periódicamente, e case sempre como consecuencia dunha nova vaga de crimes machistas, crea un "chiringuito" tras outro, que na práctica, non serven para nada agás para crear uns postos de traballo ben remunerados para uns cantos deses personaxes que saben achegarse ao sol que mellor quenta, e que van rotando dun a outro, sacando un bo proveito da dor de moitas mulleres.
A creación do Servizo de Atención Psicolóxica non foi unha excepción. A súa desaparición era crónica dunha morte anunciada, como era sabido, desde o seu comezo, que tiña data de caducidade.
Tampouco o servizo prestado era a panacea.
E que ninguén me entenda mal. Non quero, con esta afirmación, culpar os profesionais que o prestaban, nin moito menos. O que quero dicir é que unhas poucas sesións, e podo asegurar que non falo, nin de lonxe, dun número elevado delas, non abondan, e iso é algo de sentido común para, xa non curar, senón aliviar o dano tan tremendo, as pegadas as veces indelebles, que a violencia de xénero deixa na vida das mulleres que a sufrimos.
Esta é unha tarefa longa, difícil, e, desde logo, as esixencias burocráticas e orzamentarias non contemplan esta realidade, se mire por onde se mire.
O máis grave de todo isto, e o máis desalentador tamén, é que a desaparición deste servizo é un elo mais dunha longuísima cadea de despropósitos e de evidencias de que, por moitas vidas que custe, a violencia de xénero segue a ser considerada unha cuestión secundaria, e isto se fai palpable desde o momento no que a muller acode a denunciar.
Agás algunhas excepcións, a cruda realidade é que nas comisarías continúa respirándose un ambiente no que o machismo ocupa un lugar de honra o que fai que os feitos que levan alí a vítima sexan, en non poucas ocasións, ademais de minimizados, transformados polos propios policías en "discusións de parellas", cando non en "ciumes porque está moi namorado".
Dito doutro xeito. Existen os delitos importantes e as parvadas das mulleres que din que as maltratan.
Lóxicamente, esta denigrante e intolerable percepción trae como consecuencia a desprotección das vítimas, xa que, se non hai delito, tampouco é preciso aplicar ningunha medida de protección, así como a recepción, por parte do xuiz, dunha versión totalmente distorsionada que pouco ou nada ten que ver coa situación de pánico e de perigo que está a vivir a muller, e que van condicionar as decisións que tome, decisións das que pode depender, ademais, que a muller sexa novamente maltratada ou mesmo a súa vida.
Con este panorama, a impunidade do agresor está prácticamente asegurada, mentras que o perigo que corre a súa vítima medra de día en día, xa que esa impunidade, unida a unha agresividade potenciada pola denuncia constitúen unhas auténticas bombas de reloxería.
Por outra banda, todos eses paquetes de medidas que se nos venden e que, se supón, son creados para destinalas á loita contra a violencia machista e a mellorar a defensa e protección das vítimas así como facilitarlles a volta a unha vida donde o medo non sexa o seu constante compañeiro, non son en realidade máis que unhas estratéxicas campañas de márketing elaboradas por persoas que seguramente teñen unha espléndida formación, pero que non sempre vai acompañada da sensibilidade que debería primar no traballo para tentar erradicar unha lacra tan letal.
Outro tanto se pode dicir desas campañas coas que nos bombardean cada certo tempo nos medios de comunicación, e que, non soamente non solucionan nada, senón que as veces ofrecen unha visión bastante deformada do que é a realidade dunha muller maltratada e mesmo lles crean, a aquelas que están considerando pedir axuda, unhas expectativas que pouco ou nada teñen que ver coa realidade que se van a atopar. Para nada existe esa protección case blindada que nos amosan, nin tampouco a figura dese policía que as vai a acompañar as vintecatro horas do día durante o tempo que sexa preciso. Nin os recursos nin a mentalidade, todo hai que dicilo, fan isto posible, e o máis probable e que, unha vez que a muller denuncie, se atope soa e sen saber que facer da súa vida, ademais de moi asustada ante un perigo que non é froito da súa imaxinación, senón real, moi real.
Obxectivamente, e en honor á verdade, teño que dicir que o panorama é francamente desalentador.
En Sí, hai saída, desde o primeiro momento no que iniciamos a nosa andaina, avogamos pola denuncia, e, realmente, estamos convencidas de que non hai outro xeito de saír dunha situación de violencia de xénero, pero, como podemos loitar contra a insensibilidade, contra a estreiteza mental que impide que a violencia machista e aqueles que a cometen sexan tratados coa contundencia que sen dúbida require?.
Así as cousas, a supresión dun servizo, como é o caso do de Psicoloxía de atención ás vítimas, é grave, claro que si, pero non é a raíz do problema. É tan só un síntoma mais dunha enfermidade que leva xa camiño de convertirse nunha auténtica pandemia, unha enfermidade identificada, pero para a que aínda non se coñece o tratamento: a indiferenza. Unha indiferenza que fai que as mulleres maltratadas non o sexan soamente polo seu agresor material, senón, e isto ainda é máis grave, por un sistema que di protexelas e que, na realidade, contribúe a facelas máis e máis vulnerables cada día.
Asociación Si, hai saída.