Marta Rodríguez Engroba
Muller, se es vítima e queres ser crida, non abonda con selo... tes que parecelo!
Non sei nin como comezar., de verdade.
En ocasións penso que o meu non é normal, porque hai veces que chego a somatizar de tal xeito a indignación que me producen certas inxustizas, ou tal vez debería dicir aberracións, que sinto mesmo dor física, e esta é unha delas.
Estou a referirme, como non podía ser menos nestes días, a presunta violación grupal a unha moza no pasado San Fermín, e aos xuizos que sobre esta barbarie se están a celebrar, e digo xuízos, así, en plural, deliberadamente, porque son dous os que emitirán o veredito. O que se supón dictaminará a culpabilidade ou inocencia dos acusados e o paralelo que está a sufrir, e tamén este termo, sufrir utilízoo con toda a intención, a rapaza presuntamente agredida, á que prácticamente se lle está empurrando para que traspase a liña que a fai pasar de vítima a culpable, porque, polo visto, ademais de, supostamente, mentir en canto a unhas relacións sexuais consentidas, delinquiu de novo a posteriori, e gravemente ademais, por levar unha vida din que "normal".
Non me vou pronunciar sobre a veracidade da suposta violación. Nin son quen para facelo, nin, e os que me coñecen polo miúdo o saben ben, adoito emitir xuízos temerarios sobre temas que non coñezo en profundidade. Tento que a prudencia rixa non soamente nos meus actos senón tamén nas miñas opinións, malia que, como ser humano que son, non poida evitar facer a miña particular valoración, pero para min.
Quero, iso si, deixar moi claros os dous sentementos que están a bulir en min dun xeito que ameazan con estalar dun momento a outro.
O primeiro, un enorme desacougo, ou máis ben, un enorme, e creo que fundado, medo.
En primeiro lugar, porque a dúbida sobre esa conduta din que normal e mesmo festiva que lle reprochan a rapaza tras o tremendo suceso, non denota senón o descoñecemento aterrador e inxustificable do que sinte unha muller vítima dunha agresión. O mesmo me dá que falemos dunha violación ou dun episodio de violencia de xénero. Pola súa supervivenza psicolóxica tentan, tentamos, normalizar a nosa vida todo o posible, porque bastante dor temos xa dentro de nós como para, ainda por riba, ter que levar sobre as nosas costas a obriga de exhibir un constante recordatorio de que estamos mal, de que non mentimos cando dicimos que somos vítimas.
Por non mencionar o bloqueo que adoitamos sentir durante un tempo máis ou menos prolongado, e que, obviamente, limita e condiciona severamente as nosas reaccións.
A todo isto hai que engadir o noso dereito a intimidade (ese dereito que tanto se reclama para os presuntos agresores), algo que semella que tamén nos está vetado, porque dá a impresión de que, desde o momento que nos violan, que nos maltratan, ou calquera outro tipo de agresión, debemos, se queremos proxectar unha imaxe de veracidade, facer da nosa desgraza un culebrón co que propios e estraños se regodeen.
Non abonda con sentir a nosa dor cada día, cada vez que respiramos. Que erguernos cada mañá sexa unha loita para non deixarnos levar polo desexo, máis frecuente do que se pensa, de rematar con todo. Iso dá igual. O que se nos esixe é que fagamos espectáculo da nosa desgraza, que nos poñamos a etiqueta de vítima ben á vista, e que nos comportemos como toda "sufridora de ben" se supón que debería facelo, e coa indumentaria correcta, que esa é outra, porque tamén hai un "dress code" de vítima. Os centímetros de pel ou de perna que luzas, o escote ou uns tacóns, poden ser a sinatura da sentenza que ditamine a credibilidade da túa versión. Ademais, hai por aí unha norma que, polo visto, deixa ben sentado que a condición de vítima é incompatible cun aspecto cuidado ou con vestirte ou peitearte e maquillarte como che dea a real gana.
O segundo dos meus sentementos aos que aludía é o noxo, un noxo inmenso dunha sociedade, dun sistema, tan sumamente hipócritas, tan escandalosamente falsos.
Noxo ante tanto fariseísmo, ante tanto sepulcro branqueado que non dubida en manifestarse, en, e isto si que é presuntamente, apoiar causas, pero de cara a galería, no seu beneficio, pero que non dubida en lapidar sen piedade ao máis débil, sobre todo se se trata dunha muller.
Así as cousas, compañeiras, xa sabedes. O mesmo dá que sexamos maltratadas, violadas ou agredidas de calquera xeito.
Non pensedes que por iso imos ter credibilidade, nin moito menos.
Se nos declaramos, sacando valor de quen sabe onde, vítimas, e pretendemos ser cridas, non abonda coa nosa testemuña.
Se somos vítimas, e desexamos ser cridas, non abonda con selo. Debemos, e isto é primordial, parecelo.