Antón Roel Villanueva
Árbores para Galicia
Semellaba que xa aprenderamos a lección da vaga de lumes de hai once anos pero non. Voltaron arder os montes que desertizan e deixan sen vida o chan agora que tiña que estar verdescente, está cheo de negrura e cinza onde non retoñan as praderías nin agroman os cogomelos e as landras dos carballos e ourizos dos castiñeiros chamuscados polas lapas. Xa non se ven os acivro de verde e vermello que enchían de cor o monte.
Outra vez como no Prestige só a solidaridade da xente evitou o peor. Mulleres e homes nas aldeas contra o lume, as casiñas rodeadas polas lapas os veciños man con man con caldeiros de auga, velliñas con paus, sachos, fouces e lanternas tratando de salvar as pertenzas de toda unha vida de traballo. E o peor e máis triste, a perda de seres humanos, veciños e coñecidos da aldea que agora xa non están, mentres os políticos e administracións botándose a culpa uns a os outros.
Só a carraxe dos veciños co seu esforzo evitou o peor, os que nunca nada teñen ofrecendo auga, comida e abrindo as portas das casas e cortellos para o gando aos que todo o perderon. Logo do lume, esparcendo a palla para que cando cheguen as ansiadas choivas as escorrentías non leven a cinza aos ríos e o mar aumentando a traxedia, e que o país das costas verdescentes da letra do noso himno non fique só na memoria.
Mentres aquí, na cidade, nós nin tan sequera fomos quen de facer que a árbore máis senlleira, o Carballo de Santa Margarida, fose proclamada Árbore Europea do Ano. Só tiñamos que votar por el e non o fixemos. Deixámolo só, coma sempre fixemos, pensando que se agardou preto de cincocentos anos, malo será que non aguante outro ano. Máis sensibilidade amosou pola natureza unha meniña aragonesa que na súa carta aos Reis Magos pediulle Árbores para Galicia. Aquí nos plantámoslle lume e despois enchemos os montes de especies invasoras coma o eucalipto que o desertizan, pero para aglúns son máis rentables para facer negocio. Deixamos que morran os peixes e a flora e fauna no río dos Gafos e non facemos por destapar o tramo urbano pois así non vemos o que leva e non temos que limpalo, aínda que o privemos de luz e vida.
Xa se lle esgota o tempo a xeneración que se bañou na praia de Praceres e no tramo cuberto do río dos Gafos para voltar a ver unha ría sen Ence e o tramo do río descoberto. Os que non coñeceron eses dous paraísos non lles importa e para os que poderían facer algo máis o intentan coa ría. Destapar o río din que non é prioritario. E así seguimos.