Roberto C. Agís Balboa
O castro de Dorrón
Un poema de Pondal deu lugar ó Himno Galego onde se fala entre outras cousas de Breogán, un rei celta. Como todos ben sabemos Galicia está ligada á cultura celta, á cultura dos castros (do latín castrum: fortificación militar, campamento). Exemplos disto son o Castro de Santa Trega na desembocadura do Miño, ou en Porto do Son, o Castro de Baroña que está pegado ó mar. Hai moitos máis e de seguro algúns están por descubrir. Un deles podería estar aquí mesmo, onde? no Curuto do Castro na parroquia de Dorrón (Sanxenxo). Para que vos situedes, enriba do Mirador da Granxa.
Recentemente, as escavacións arqueolóxicas na Lanzada, a terra de Cornelia, están a dar moito que falar por todo o que alí se descubríu. Todo o mundo sabe que hai moito máis que está baixo terra agochado pero ata que se dediquen fondos para poder seguir coas escavacións, alí quedarán na escuridade dos tempos. Tamén se fala de restos arqueolóxicos en Nantes, mámoas en Bordóns,.. pero a falta de diñeiro para financiar as escavacións (e quizáis de interese) fai que en moitos casos estes posibles achados queden escondidos no devenir dos tempos, descoñecidos para a maioría, ata que o final se olvidan por completo ou desaparezan para sempre coma a xa famosa Atlántida.
En Dorrón, no meu pobo, hai unha zona que todos coñecen coma o Curuto do Castro ou Monte do Castro. O nome xa indica todo. Con só ver a ubicación, un dase conta de que o lugar é privilexiado. Por un lado, a súa situación elevada fai que as vistas dende alí sexan incríbles e panorámicas, o que facilitaría as labores de vixilancia e defensivas. Dorrón é un val rico en zoas de cultivo, etc. En resumen, todos estes semellan requisitos importantes para a ubicación dun castro. Se un imaxina este monte na época castrexa, sen os árbores nin as casas que alí hai hoxe en día, sen tantos depósitos acumulados ó longo de centos e miles de anos,… decataríase de que o sitio é case perfecto para un castro.
Camiñando por alí un atopa muros de pedra enterrados, pero de que data son? Dende que eu era neno sempre escoitei lendas deste monte, que alí hai agochado un tesouro, que alí hai un castro celta, hai muros a vista,... O curioso é que pouco ou nada se fixo por descubrir se isto son lendas ou verdades, polo menos que eu saiba. Segundo veciños e algún entendido hai textos antigos que falan de que alí houbo un asentamento,… Se isto fose verdade, o castro en Dorrón agochado só espera ser atopado.
Non estaría mal que dende o Concello de Sanxenxo e con apoio de outras institucións competentes (Deputación, Xunta, Patrimonio, etc) se fixese un estudo serio para pescudar se todo o que se conta é verdade, se o Curuto do Castro é un castro de verdade como moitos creen. O que está claro é que moitas veces cando o río soa e porque auga leva. Creo xa vai sendo hora que estas cousas se tomen en serio. Sería unha pena e tamén unha vergoña que algo dese calibre estivese diante dos nosos ollos e ninguén fixese nada por atopalo e mostrarllo ó mundo. A repercusión sería inmensa pola súa importancia cultural e histórica e o que isto conlevaría asociada a turismo e a súa desestacionalización, etc.
Bueno é simplemente a miña opinión. Quen sabe?, igual Breogán pasou ou estivo neste castro hoxe en día potencial. Quen pode dicir que si ou que non a día de hoxe? Creo que o primeiro sería saber se o castro está alí u non, e para isto hai que querer facelo, logo poder facelo, e se se fai, facelo ben e seriamente. Seica hai interese polo que a xente conta, pero xa se sabe: do dito o feito, hai un bo treito.