Marta Rodríguez Engroba
Cando á submisión se lle chama amor
Case desde o primeiro día no que decidín comezar a traballar na loita contra a violencia de xénero, ou mellor dito, facelo, dalgún xeito, público, xa que na miña vida diaria era algo que xa formaba parte de min, tiven que escoitar unha broma á que nunca fun quen de atoparlle a graza, e que a día de hoxe, case catro anos despois, e cando xa se convertiu en algo recurrente, continúo sen facelo, por mais que habitualmente sexa celebrada con risas e asentementos do auditorio.
Esta broma ou comentario inxenioso, non é nin mais nin menos que: "Pero que home se vai achegar a ti? Non ves que che teñen medo? Ti, a mínima, denúncialo!".
Como digo, a broma en cuestión, adoita ter un considerable éxito, e, malia iso, normalmente, a estas alturas, xa non lle fago nin caso, por moito que semelle que hai quen tenta dar a impresión de que vou pola vida arremetendo contra o sexo masculino en xeral, e que a miña defensa das mulleres redunda case nunha especie de "androfobia" ou odio irracional hacia os homes, algo, obviamente, totalmente falso, e malia que sei que, por desgraza, haber, hainas, podo asegurar que ese non é o meu caso.
As cousas hai que tomalas de quen veñen e, por outra banda, de onde non hai, as veces, por moito que se intente, é imposible sacar nada bo.
Non obstante, hai unhos días, cando me tocou escoitar por enésima vez tan inxeniosa sentenza, si se me encendeu o piloto vermello, e penso que non sen motivo.
No grupo no que transcorría a conversa, había unha muller, supostamente (e digo supostamente porque, visto o visto, xa non sei que pensar) compañeira de loita que, non soamente concordou co brillante comentario, senón que apostilou: "E que ti, Marta, non es muller que se deixe dominar, e así, claro, e complicado que chegues a ter unha relación".
Despois da sorpresa, ou máis ben susto inicial, conseguín recuperar os folgos para contestarlle e pregarlle que, por un momento, se parara a pensar na gravidade do que acababa de dicir, porque, non sei para vos, pero, para min, é tremendamente grave.
É ese o concepto que aínda a día de hoxe, se ten dunha relación, que ten que estar baseada na dominación exercida por un membro da parella, habitualmente o home, e a submisión da outra parte, e dicir, da muller?.
Tentei explicarlle que eu non concibo ese modelo de relación, senón que para min, unha relación saudable e a que se rixe pola igualdade. Na que ambas persoas son compañeiros, e o seu nexo é o amor, o desexo, por suposto, pero tamén o respecto, tanto pola outra persoa como polo seu espazo. Que, eu, por descontado, non tolero que me dominen, pero que tampouco quero dominar, senón compartir, e que , en realidade, o que ela estaba a chamar amor non é, nin mais nin menos, que toda unha "oda" a submisión, ao dominio, e, en definitiva, é un perfecto caldo de cultivo para fomentar a violencia de xénero.
Miroume sorprendida e contestoume que o sentía, pero que non concordaba conmigo, que nunha relación sempre hai que aturar cousas e mirar a outro lado as veces, porque senón é imposible que chegue a durar.
Mais alarmante aínda!.
Como xa vos imaxinaredes, a conversa deu para moito, pero, por facer un resumo direi que estou asustada, porque a opinión desta muller, non é, nin de lonxe, minoría. Teño cada vez máis claro iso de que unha cousa é predicar e outra moi distinta dar trigo, e que circula por aí moita "pseudofiminista" que coas súas encendidas arengas non está senón a agochar un perigoso e trasnoitado machismo, que ainda segue ocupando un espazo preferente na nosa sociedade.
Dóeme na alma constatar que, por moito que as estatísticas tenten dicirnos o contrario, e por máis que tentemos tinguir a nosa fachada de violeta, a loita contra a violencia machista, en tanto estas mentes falsamente abertas, que defenden a igualdade soamente de boca para fóra e con público, pero que no eido mais privado asumen e toleran sen dubidalo ese patriarcado que condean de cara a galería, esa igualdade que tanto se fala e se reivindica, tan só será unha quimera coma tantas outras.
Non haberá igualdade, en definitiva, mentres á submisión se lle chame amor.
Asociación Si, hai saída