Marta Rodríguez Engroba
Cando a dignidade se converte nun luxo
Nesta semana que está a piques de rematar, dúas mulleres mais se achegaron a Si, hai saída para solicitar a nosa axuda.
Este feito en si mesmo non tería nada de extraordinario. É, por desgraza o noso pan de cada día, e digo por desgraza porque non é senón a demostración de que a violencia de xénero segue medrando, nos conten o que nos conten, e somos conscientes, ademais, de que nos estamos a percibir, con toda probabilidade, tan só a punta do iceberg, xa que o número de mulleres que non son quen de pedir axuda e moito maior das que sí o fan.
O que nos fixo pararnos a reflexionar unha vez mais e a temer seriamente pola sorte que poden correr as vítimas de violencia machista, por moito que un día se decidan a dar o paso para rachar co seu maltratador, foron as similitudes que se están a dar non soamente nas historias destas dúas mulleres, senón de prácticamente todas as que acuden a nos e que nos fan sentir arrepíos.
Nestes dous casos, o mesmo que en todos os que as precederon, elas non se coñecen entre sí. Proceden, de feito, de zonas totalmente opostas e as súas circunstancias son moi diferentes, agás por algunha coincidencia, como o pánico atroz no que viviron durante anos, a valentía, malia todo, de sacar adiante unhos fillos sen axuda de ningún tipo e sabendo que calquera día podía ser o derradeiro para elas, e a capacidade de finxir ante un entorno que sabían que non nas entendería, que todo ía ben. De portas afora da casa, o sorriso foi a gran mentira que as acompañou. Por pura supervivencia.
Pero un día decidiron, con un valor que nin elas mesmas sabían que tiñan, que xa abondaba, que polos seus fillos, por elas mesmas, querían vivir, pero libres, sen medo, como todo ser humano merece, e por fin berraron, reclamaron esa axuda que, sen ningunha dúbida precisan e, por suposto, merecen.
Pero, para a súa sorpresa, lonxe de, polo menos, albiscar o remate do seu calvario, atopáronse con que, en realidade, o que estaba a iniciarse era un novo capítulo del, comezando pola incomprensión dos que dicían querelas, que, negándolles todo apoio, tentaron primeiro disuadilas da súa decisión, para rematar por culpalas dela e darlles as costas.
Tampouco cando buscaron axuda legal lles foi mellor.
Lonxe de loitar por elas, de facer o posible por salvagardar as súas vidas e que o seu verdugo pague polos seus delitos, pola súa barbarie, que día a día as foi destrozando, minimizaron a súa desgraza restándolle importancia e facéndolles ver que as súas ultraxes, a súa brutal violencia, eran pouco menos que simples anécdotas e episodios puntuais e normales en calquera relación, para, a continuación, tentar disuadilas de continuar adiante con calquera medida que as protexa, que lles devolva a vida e esa dignidade que lles quitaron durante anos de maltrato,e mesmo instándoas a deixar correr o asunto.
Tampouco co tempo foron xenerosos. Non podían quitarllo a atención que merecen os delitos de verdade, os importantes, para dedicarllo a esas leas de parella e as paranoias dunha muller que, en definitiva, ten, según algúns deles, o que buscou.
Dicía unha destas mulleres as que aludo, que nunca, até que chegou a nós, se atopara con ninguén que se tivera tomado a molestia de sentarse a tomar un café con ela e escoitala, de tranquilizarla dicíndolle a verdade, que o seu non son tolemias, que o que lle pasa, como se sinte, é normal, e que ten todo o dereito do mundo a vivir.
Estaba asombrada de que unha das letradas de Si, hai saída, que, o mesmo que o resto das compañeiras, traballa de xeito totalmente altruista, non soamente a asesorara debidamente, senón que a atendese con cariño e, o máis importante, que a crese, que non dubidase dela, e que lle dedicase tempo, xa que o habitual para ela é que a persoa designada se supón que para defendela habitualmente nin sequera lle colla o teléfono e o único xeito de poder abordalo algunha vez é agardalo no seu portal ou pola rúa.
Tremendo, non sí?. Pero podo xurarvos que é absolutamente real.
Estas dúas mulleres son os casos mais recentes que nos chegaron e as que, pouco a pouco, despois de reunir unha coraxe que nin elas mesmas saben de onde a sacaron, se lles van pechando todas as portas as que chaman, pero non son os únicos, nin tampouco son excepcionais.
E así como se supón que se está a loitar contra a violencia de xénero?.
Contribuindo a afundir a quen xa se viu mergullada no mais negro dos pozos, o pozo da dor, do terror, das humillacíons…?.
Está claro que as vítimas da violencia machista, por moito que nos vendan o contrario, aínda seguimos a ser "casos secundarios", que nos temos que conformar coas migaxas de atención, de axuda, de comprensión que van quedando despois de atender os casos realmente "importantes", e eso con moita sorte, e que, para nos, por moito que nos doa asumilo, e por moito que tenten convencernos do contrario, un dos dereitos mais elementais de todo ser humano, a dignidade, ainda é un luxo, e dos máis caros.