Marta Rodríguez Engroba
Cando volver co maltratador se converte no mal menor
Podo afirmar con total rotundidade que poucas cousas na vida,se é que hai algunha, me causan máis dor e máis sensación de fracaso que ver, impotente, e sen poder impedilo, como unha muller vítima de violencia de xénero, que despois de sufrir un inferno, se decidiu por fin a pedir axuda para tentar saír del e comezar a nova vida que merece, libre de terror, soa ou coas súas crianzas, unha vez iniciado este longo e nada doado camiño, e tendo avanzado nel de xeito notable, decide, ante os atrancos e o trato que recibe, volver co seu agresor, negándose toda posibilidade de ser feliz e, quen sabe, pode que tamén de sobrevivir.
Cando tento falar desto con algunha xente, e moi frecuente que a resposta recibida da maioría sexa algo así como: "Pois alá ela. Se non se quere deixar axudar é cousa súa. Algunhas teñen o que merecen!".
Teño que confesar que aí, a miña impotencia se engade unha gran rabia e mesmo unha certa culpabilidade por non ser quen de transmitir a súa auténtica realidade, os motivos que ninguén semella coñecer e menos ainda entender que as empuxan a tomar a tremenda decisión de que xogarse a vida a diario a o carón do seu maltratador é, con diferencia, o mal menor.
Cando unha muller vítima da violencia machista decide un día, despois case sempre de longuísimos períodos de tempo, poida que anos, do sufrimento e o pánico máis atroz, tentar sair da súa prisión e tomar as rendas da súa vida, comeza para ela un periplo que pode chegar a ser xa non duro, senón mesmo surrealista, e no que lle vai tocar desde demostrar que ela non é a culpable do que dí que lle está a acontecer ata exercer de improvisada detective e atopar as probas e evidencias que demostren que a súa historia non é unha máis desas "cousas de mulleres".
Desde o momento no que acude a denunciar, agás raras excepcións, momento, por certo, sumamente doloroso, xa que, ademais de verse na obriga de tentar relatar a súa historia do xeito máis concreto e pormenorizado posible e, porén revivilo, algo que sei que é preciso, pero que non é doado, dado o seu lóxico estado de pánico e de bloqueo psicolóxico, que non sempre é entendido nin moito menos tido en conta, por non se sabe que estraño fenómeno, o seu maltratador adquirirá a condición de "presunto", por moitas probas que a muller aporte, condición que probablemente xa non o abandonará, faga o que faga, mentras que a ela se lle cuestiona desde o minuto cero, poñendo en dúbida case canto dí e preguntándolle cousas como se ese acoso constante ao que a somete non é sinxelamente froito da casualidade ou eses ciumes obsesivos que a afogan case cada día resultado do amor que lle profesa e que, non encerran, en realidade, ningunha mala intención.
Non é tampouco raro que unha conversa na que os insultos e as ameazas máis ou menos solapadas, que fan que a muller perda case toda capacidade de reacción, sexan calificadas de "discusión de parella", e se minimice a súa importancia, facendo que a propia vítima chegue a pensar que esa situación de terror na que vive non sexa máis que unha mala pasada que lle está a xogar a súa imaxinación e que o que está a facer nesa comisaría non é máis que o ridículo máis absoluto, sensación que se ve reforzada cando escoita cousas como : "E un home moi cordial" ou, se xa non é a primeira denuncia e chegaron a contactar con él, "con nos foi moi educado".
Mágoa que os maltratadores ainda non se decidiran a levar un cartace na fronte que acredite a súa condición ou non circulen pola vida lanzando ameazas a berros para deixar claro o perigoso das súas intencións!.
Como debería ser doado de entender, estas que estou a relatar, non son unhas cuestións menores, xa que delas dependen as medidas de protección que se lle proporcionen a muller, e que a vista da valoración que se fai, poden ser inexistentes, así como a información transmitida ao Xuiz, que deberá, baseándose nela, tomar a resolución que considere máis pertinente, co cal o resultado máis probable é que, a vítima se atope totalmente desprotexida, correndo un risco ainda maior que o que xa corría, quedando a mercé dun agresor ainda máis alterado e perigoso despois de saberse denunciado e sen que isto lle trouxese mais consecuencias que acudir a desmentir o que ela dixo, algo, por certo, moi doado e que, curiosamente, é case sempre crído sen a menor dúbida.
Ou dito doutro xeito, a muller pasou de vítima a culpable, levando ademais, unha auténtica bomba de reloxería as súas costas que sabe que vai estalar en calquera momento, pero que, por moito que o intente e por moita axuda que solicite, non vai ser quen de impedir.
Se ainda así, e facendo gala dun extraordinario valor e unha vontade digna de encomio, ela decide continuar adiante, terá que, deixando de lado o seu medo e a súa impotencia, converterse nunha digna sucesora desa entranable Miss Marple que Agatha Christie creou, e recopilar toda clase de probas, de indicios, que lle axuden a demostrar que non está tola, que é unha muller maltratada, esforzo inútil a maior parte das veces, mentras o seu verdugo continúa a súa vida coma se nada sucedese, coa única diferencia de que cada vez estará mais envalentonado e representará un perigo maior para ella. Nada que non se poida amañar, eso sí, no peor dos casos, cun minuto de silencio e unha foto atrás dunha pancarta. Tampouco é tan complicado!
Non esquezamos, ademais, que, ainda por riba, é moi frecuente que a muller maltratada dependa economicamente do seu agresor, o que fai que, ante un panorama como o que estou a describir, e que podo xurar que non é imaxinado, senón unha dura e cruel realidade, refacer a súa vida, xa non no eido anímico ou afectivo, senón no laboral, eido do que posiblemente él se encargara de illala totalmente, chegue a tremenda e tráxica conclusión de que, ante a imposibilidade de ser crída, e de acadar, porén, a axuda que precisa, o único xeito de subsistir, xa non soamente ela, senón en moitos casos as súas crianzas, sexa volver co seu maltratador, e pregar porque calquera día un golpe mal dado ou unha coitelada remate coa súa historia, unha historia minimizada, e quen sabe, pode que obxecto mesmo de burla, por parte de quen se supón está para axudala e protexela.
Así as cousas, de verdade é tan difícil de entender que tantas e tantas mulleres cada día desistan do seu dereito a vivir sen medo, de tentar saír dun pozo tan fondo que facelo semella imposible, e no que, cando se deciden a intentalo, as abocan a afundirse novamente?
Moitos pensaredes que estou a esaxerar. Ogallá. E iso é o malo. Que cando falas disto, cando tentas transmitir que a violencia de xénero non soamente existe, senón que entre todos a alimentamos, a sustentamos, moi poucos se preocupan de mergullarse malia que soamente sexa un chisco, na realidade que tantas mulleres, e tantos nenos e nenas están a vivir cada día.
E moito mais cómodo ignoralo, calalo, porque do que non se fala, sinxelamente non existe, e, si se fala, que sexa para acadar protagonismo nalgún acto público de ensulla, malia que sexa a costa de vidas e da dor.
Do que ainda non nos decatamos, ou non queremos decatarnos, e de que o maltratador non é soamente o que agrede a esa muller, a eses nenos, senón tamén todos e cada un dos que calan, dos que ignoran, dos que son, en definitiva, cómplices e tamén, co seu silencio, coa súa incomprensión, coa súa culpabilización e a estigmatización de quen está sufrindo, maltratan, e moi cruelmente.
A violencia de xénero non é soamente un delito dos mais flagrantes, senón ademais o único donde a muller pasa, case automaticante, de vítima a culpable, sen presunción de inocencia.
Por eso, eu pregúntovos, ainda vos sorprende que, para moitas mulleres maltratadas, volver co seu agresor, sexa o mal menor?
Asociación Si, hai saída