Marta Rodríguez Engroba
Prevención na violencia de xénero, unha gran mentira?
Hai tan só unhos días, nalgún xornal aparecía a nova de que o Xulgado de Violencia de Vigo dictara orde de ingreso en prisión para un home, por un "presunto" (faltaba mais, nunca pode faltar a presunción de inocencia para un maltratador, malia que se lle atope en plena agresión!) delito de quebrantamento de condea.
O susodito viña de saltarse por cuarta vez a orde de afastamento da súa ex parella, algo, semella, irrelevante as tres primeiras veces, que se deberon considerar pouco menos que trasnadas, ou, como moito, anécdota.
Non son quen de describir o que me subiu polo corpo cando lín esta nova. Rabia, indignación, impotencia, e tamén que, unha vez mais, se estaban a burlar de nos, das vítimas da violencia de xénero.
Supoño que a finalidade coa que se publicou esta "fazaña" foi a de mostrarnos o bó funcionamento da xustiza e a rigorosidade coa que a lei actúa ante os casos relacionados coa violencia machista.
Que están, a rirse de nos, a tomarnos por idiotas?.
Estamos fartas de que aos nosos políticos, as institucións que din protexernos e representarnos, se lles encha a boca diante das cámaras, dos micrófonos, principalmente se hai votos en xogo, vendéndonos unhas medidas xa non infalibles, senón case máxicas que garanten a protección e a seguridade das mulleres maltratadas, de que tenten facernos ver que o negro é blanco, falando de prevención, cando eles mesmos a obvian e, que, case nunca, por ser benévola e non dicir un rotundo nunca, se leva a práctica. Unha prevención que é, e o digo moi conscientemente, malia que sei que non vai gustar, unha enorme falacia. Unha prevención que non existe.
De todos é sabido, ou así debería ser, principalmente no que atinxe a aqueles que teñen a responsabilidade de salvagardar a seguridade das vítimas de violencia de xénero, que se hai algún factor decisivo para que a vida destas mulleres se poida salvar, é a rapidez nas actuacións en canto se albisque o mais mínimo sinal de perigo para elas.
Menos dun minuto, unhos poucos segundos, poden supoñer a diferencia entre que unha muller sexa ou non asasinada. Así de sinxelo e así de rotundo.
Como se pode, señoras e señores, agardar a que un home condeado por malos tratos quebrante CATRO VECES unha orde de afastamento antes de tomar as medidas pertinentes?.
É esa a prevención da que nos están tentando convencer como se forámos, ademais de vítimas, imbéciles?.
Perdoádeme se chego a soar demasiado dura, pero non son quen de tolerar como se minimiza, como se ignora, o perigo real que corre unha muller nesta situación. A violencia de xénero segue a ser considerada un delito secundario, de segunda categoría, e iso con sorte, porque nunhas institucións que ainda continúan a ser en gran parte feudos machistas, mesmo as veces se recollen estes delitos con ironía, cando non se culpabiliza a propia muller do que lle está a suceder.
Tal vez alguien pense que estou a esaxerar. Podo xurarvos que non é así.
Eu mesma tiven que escoitar esta semana como se tentaba disuadir de denunciar a unha muller ante un quebrantamento dunha orde de afastamento calificándoa de "feito puntual".
Que nos están contando?. Acaso quen, nunha situación semellante, acoitela, lle pega un tiro, ou mata a súa parella ou ex parella de calquera outro xeito vai pola vida disparando ou esgrimindo o coitelo? Por suposto que non!. O asasinato desa muller tamén é, evidentemente, un "feito puntual"!.
Algo moi grave está a acontecer no eido da violencia de xénero, da súa prevención, unha prevención, insisto, que, por moito que tenten adornalo, non existe na realidade.
Lonxe de avanzar, eu constato, e creo que a estas alturas, dado o traballo que facemos día a día en Si, hai saída, e o noso contacto coa realidade das mulleres maltratadas, temos argumentos que, desgraciadamente, avalan a miña afirmación, que estamos a vivir un claro retroceso.
Non se pode tolerar que cando unha muller,facendo un esforzo case sobrehumano, se decide a tomar as rendas da súa vida, e, porén, comezar a facelo polo primeiro chanzo, que é denunciar o seu agresor, se lle reste importancia ao seu inferno ou directamente se ignore, o que redunda, loxicamente, nunha situación de total desprotección e o conseguinte risco para a muller.
Especial atención compre prestar a quen, nas comisarías, se destina a atender as vítimas. Meritos policiais, ou como sexa que se lles denomine, aparte, é fundamental que estes profesionais conten coa sensibilidade, coa humanidade, que situacións tan dolorosas requiren. Hai que facer, na miña opinión, unha criba moito mais exhaustiva. Que un policía sexa destinado a unha unidade dedicada a violencia de xénero non implica que non poida ser un machista empedernido, e, de feito, non nos enganemos, isto ocorre. Como se pode supoñer, nin por un instante, que vai empatizar, nin sequera mínimamente, coa muller que lle tenta transmitir o seu terror e lle pide protección?.
Non quero, por suposto, nin nunca adoito facelo, xeneralizar. Non se pode medir a todo o mundo polo mesmo raseiro, iso por descontado, agora ben, a situación que estou a describir é unha realidade coa que nos atopamos de bruzos case cada día. Sinto ter que dicilo, pero non facelo sería mentir.
Non esquezamos o decisivo do papel da Policía. Eles son, por dicilo dalgún xeito, o "filtro" que vai pasar a declaración desa persoa antes de chegar ao xuiz, e que, vai xogar, porén, un papel decisivo na decisión que tome e nas posteriores medidas que dicte. Ou o que é o mesmo, deles pode depender, e de feito así é en moitas ocasións, a vida desa muller.
Non é, evidentemente, unha cuestión menor, polo que a selección do persoal destinado a estes cometidos debería ser extremadamente cuidadosa e rigorosa. Hai demasiadas vidas en xogo.
A prevención no eido da violencia de xénero, algo fundamental, e que se nos está a vender, insisto, día si e día tamén, segue a ser, moleste a quen moleste, unha quimera, unha mentira máis, que non se fará realidade en tanto non se comece por arranxar a base da que depende que comece a aplicarse de verdade e de xeito efectivo. Mentres a sociedade siga sen concienzarse de que a loita contra violencia machista é algo que nos afecta a todos e da que calquera pode chegar a ser vítima, e mentras a base donde se comeza a tentar poñerlle sólución, que son as comisarías, ou, o que é o mesmo, a policía, non lle conceda a importancia que require, pero de verdade, non de boca para fora, e o persoal destinado a esta labor non sexa rigorosamente seleccionado, e se deixen outro tipo de intereses de lado, todo será inutil, e esa prevención non deixará de ser, e de verdade que me doe na alma dicilo, unha gran mentira.
Asociación Si, hai saída