Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Unha puta percorre Europa'
Unha puta percorre Europa é unha novela curta de Alberto Lema. Foi publicada en 2008 por Editorial Galaxia.
Ada e Luz son dúas rapazas feministas, que deciden actuar contra a prostitución matando homes que recorren a ela, co obxecto de pór o foco sobre o tema. Matan un home nun motel e outro no seu coche, e a carón dos cadáveres deixan dúas tarxetas co texto PUTAS ASASINAS. Como acadan pouca repercusión nos medios de prensa, deciden redactar un manifesto e matar máis xente.
Logo de colgar o manifesto na rede, o texto logra difusión por outros países. Amais, a súa metodoloxía, actuando por conta propia, comeza a ser imitada e outras mulleres matan puteiros polo mundo adiante. A policía comeza a investigar e fai un perfil das posibles asasinas. O goberno, pola súa parte, fai o típico chamamento á calma e condena á violencia sen entrar no fondo do debate.
O terceiro morto que deixan Ada e Luz é o fillo dun narcotraficante. A través dun axente corrupto, o narco consegue a lista de mulleres que a policía investiga como posibles asasinas. E non vou contar como acaba a trama, claro.
A novela ten 44 capítulos breves, que alternan a acción e os personaxes. Está ambientada principalmente en Santiago de Compostela e os arredores. Hai diversas analepses para comprender o proceso que viviron Ada e Luz até chegar a actuar dese modo. Desde os debates teóricos, á visita a prostíbulos para ver como as mulleres son tratadas como gando.
É unha novela moi valente, que fala da violencia como resposta ante a violencia. Os personaxes están moi ben construídos, desde os máis arquetípicos aos máis anódinos. Fálase dos numerosos prexuízos existentes arredor non só da prostitución, senón tamén do feminismo en xeral, e describe moi ben os conflitos internos de Ada e Luz. O transfondo teórico é interesante porque nas conversas entre as dúas protagonistas xa dan moitas cousas por sabidas, e quizais o debate máis aberto se dá cun dos mortos, que deixa á vista de Luz un exemplar do libro O segundo sexo de Simone de Beauvoir.
O libro ten en certo modo a súa continuación na primeira parte do libro Sidecar, que Alberto Lema publicou en 2009. Así, o texto A fame fatal é unha precuela na que conta como Ada e Luz se chegaron a coñecer. Explícase aí como Ada sabía quen era César, o morto que lía a Beauvoir.
Coñecín a obra de Alberto Lema a través do seu poemario Plan de fuga, que tamén en 2008 foi a primeira obra publicada por Estaleiro Editora, proxecto asembleario e autoxestionado que cesou a actividade no verán de 2016. Amais de Sidecar, Lema escribiu a novela Da máquina (2012) e o poemario Crónica do chan (Edicións corsarias, 2014).
Unha puta percorre Europa está adicada a Chus Pato, poeta que neste mes leu o seu discurso de Real Academia Galega, e comeza cunha cita da filósofa estadounidense Donna Haraway, de formación feminista, neomarxista e posmoderna.
A novela foi traducida ao castelán por Iris Cochón, e publicada en 2008 pola editorial Caballo de Troya, do grupo Random House Mondadori.