Marta Rodríguez Engroba
Quen asasinou a Rosa María?
Nesta semana que está a piques de rematar, a tráxica lista de mulleres asesinadas por mor da violencia machista conta con dous nomes mais, Rosa María e Noelia.
Ambas foron brutalmente acoiteladas, pola súa ex parella a primeira e polo seu marido a segunda.
Rosa María, a rapaza de Cartagena, de tan só vinte anos, foi salvaxemente asasinada por Adrián, o seu ex noivo, cando regresaba a súa casa despois de denuncialo, asustada polo seu constante acoso telefónico primeiro e a posterior constatación de que estaba a rondar a súa residencia.
Rosa María fixo o que se supón que é o correcto. O que se nos aconsella desde os medios de comunicación, o que os voceiros das institucións, dos colectivos, e das propias forzas de seguridade do estado nos repiten por activa e por pasiva: Ante o menor indicio de maltrato o que compre é denunciar de inmediato, prometendo, xa non soamente as medidas pertinentes, senón garantíndonos unha prevención que se supón evitará desenlaces tan tráxicos como o de Rosa María e os das mais de corenta mulleres que a precederon soamente no que vai de ano.
O que non nos advirten, cando nos falan diante dun micrófono ou dunha cámara, das súas efectivas e case máxicas medidas, é que, malia que resulta mais que evidente que éstas non están a dar resultado, é mais, que fallan de xeito estrepitoso, e que lonxe de diminuir, os asasinatos machistas medran, non están pola labor de mudar nin un ápice ese sistema a todas luces ineficaz, que se rixe única é exclusivamente por uns ríxidos parámetros, plantexados a vítima nunha serie de preguntas moi concretas e pechadas que non deixan lugar a matices nin a aclaracións nas respostas, coas que se supón que ten que demostrar de xeito veraz o perigo que corre, porque, de non ser así, unha vez interposta a denuncia, a muller non soamente queda desprotexida, senón exposta a un perigo ainda maior, xa que a agresividade do seu maltratador, unha vez sexa coñecedor de que foi denunciado, aumentará.
Rosa María, como moitas mulleres que, sacando valor de donde non o teñen, acuden a denunciar, solicitou unha orde de afastamente, que non se lle concedeu, porque, claro, poida que Adrián non lle tivese dito explícitamente "voute matar". A o mellor tampouco chegara a agredila físicamente, e nin sequera ela mesma o vira rondando a súa casa, senón que llo contaron terceiras persoas……nada de peso nin tanxible para quen sigue relixiosamente o manual!.
Porque cando as vítimas como Rosa María acudimos a denunciar, de nada serve que tentemos explicar o noso terror, a certeza de que o noso maltratador vai vir por nos, de que con unha soa frase, con unha mirada, nos está sentenciando de morte. Porque a nós, as vítimas, como se non abondara o medo que arrastramos, se non encomenda a tarefa de demostrar que estamos en perigo. Non se cuestiona ao agresor. Nos somos as cuestionadas, e o noso pánico, a nos ador, e a nosa certeza dun mais que probable tráxico final son postos en dúbida e minimizados até convertilos case en anécdota.
Din que cando Adrián asasinou a Rosa María "SE HABÍAN INICIADO LOS DISPOSITIVOS PARA LA BÚSQUEDA DEL AGRESOR".
Que é esto, unha burla macabra?. E eu pregunto: Mentres iniciaban eses dispositivos, quen protexía a Rosa María?. Onde estaba esa protección coa que se supón contan as mulleres unha vez que denuncian?. Que requisitos teñen que cumplir para que a súa vida non se deixe a mercé dun asasino?.
E así unha e outra vez, mentras as mulleres seguen sendo asesinadas. É inútil canto digamos, canto nos empeñemos en demostrar que a nos, as vítimas non se nos protexe, que a protección da que tanto se fala é unha quimera, porque non se chega a aplicar, non pasa de ser un eslogan publicitario como os utilizados para a venta de calquera producto, neste caso unha suposta loita contra a violencia de xénero que non pasa de ser eso, suposta.
Din que a Rosa María a asasinou a súa ex parella. Non é de todo certo. Adrián non actuou só. El empuñou a arma,certo, pero un sistema ineficaz e que prefire mirar a outro lado porque é infinitamente mais cómodo, foi o seu cómplice. Un sistema que, como a moitas mulleres máis, axudou a matar a Rosa María.