Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Wilt'
Wilt é unha novela do escritor inglés Tom Sharpe. É unha obra simpática e gamberra, con partes nas que tes que parar de ler porque che caen as bágoas da risa.
O protagonista é Henry Wilt, profesor de literatura nun centro de formación profesional nunha vila ao sur de Inglaterra. Wilt ten problemas laborais e domésticos. Ten baixa a autoestima porque está infravalorado laboralmente, e frustrado porque o seu alumnado non sabe apreciar as bondades e os praceres da lectura. Amais non está contento coa súa relación de parella coa súa esposa Eva, quen é poderosa fisicamente pero emocionalmente inmadura. Un dos únicos momentos en que Henry se relaxa é cando sae pasear o can á noitiña, momento que aproveita para pensar formas de matar a Eva.
Unha noite a parella vai a unha festa a casa dunha amiga de Eva. Henry emborráchase e vese superado polos acontecementos, entre eles quedar enganchado a unha boneca inchable. Comeza entón unha concatenación de despropósitos e unhas xornadas delirantes. Henry vive o caos e a humillación, pero logo de ser detido pola policía descobre as súas propias forzas e a súa dignidade, nunha loita dialéctica co tenaz inspector de policía Flint, personaxe secundario con quen resulta fácil empatizar.
Máis alá da vis cómica, a obra reflexa a sociedade do seu momento. Foi publicada cando no Reino Unido existía un goberno laborista, na época en que implosionaba o movemento punk. Tom Sharpe baseouse en parte nas súas vivencias como profesor de historia no Colexio de Cambridge das Artes e a Tecnoloxía, onde deu clase entre 1963 e 1972. Recóllense as preocupacións e inquietudes da mocidade de clase media, nun momento de crise marcada pola adaptación do ensino ao sistema capitalista e a burocratización dos centros educativos. Sharpe, quen recibiu o Gran Premio do Humor Negro en 1986, xa afrontara esa temática na novela Grantchester Grind (1974), sobre a vida universitaria en Cambridge.
A obra, publicada en 1976 por Secker and Warburg, foi traducida a diversos idiomas e mesmo levada ao cine en 1989 por Michael Tuchner. A saga de Wilt tivo continuación en catro secuelas: Las tribulaciones de Wilt (The Wilt Alternative, 1979), ¡Ánimo Wilt! (Wilt On High, 1985), Wilt no se aclara (Wilt in Nowhere, 2004) e La herencia de Wilt (The Wilt Inheritance, 2010).