Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Vaquero solitario'
Vaquero solitario é unha novela do oeste. Foi publicada no ano 2000 por Ediciones B para ser distribuída en México e Centroamérica. Como autor aparece Marcial Lafuente Estefanía, que falecera en 1984. Boteille un ollo a este libro como podería coller algún outro do mesmo autor, quen chegou a escribir máis de 2500 pequenas novelas do oeste.
A lectura desta semana é unha análise máis ben do contexto que da propia obra. Cheguei a este libro por casualidade. Fun mercar ovos á tenda da aldea, e Toñito, o tendeiro, estaba lendo unha destas novelas. Ao chegar a casa, despois de xantar tortilla francesa, púxenme a ler unha destas obras, atraído pola curiosidade.
Marcial Lafuente Estefanía (nado en Toledo en 1903) era fillo do avogado, xornalista e escritor Federico Lafuente López-Elías, quen lle inculcou o vicio da lectura a través do teatro do Século de Ouro. Marcial Lafuente estudou enxeñaría industrial, e entre 1928 e 1931 percorreu parte dos Estados Unidos, o que lle valeu para ambientar alí as súas obras. Durante a guerra civil foi xeneral de artillería do exército Republicano, polo cal estivo en prisión. Alí comezou a escribir, cun lapis e papel hixiénico. Ao ser liberado, e dado que non ía poder exercer de enxeñeiro, comezou a publicar novelas policiacas e románticas na editorial Cíes, de Vigo. As obras de misterio baixo os pseudónimos de Tony Spring ou Arizona, e as románticas co nome da súa muller María Luisa Beorlegui, e co nome de Cecilia de Iraluce.
En 1943 publicou a súa primeira novela do oeste, La mascota de la pradera. Despois asinou un contrato coa Editorial Bruguera, coa que editou as súas pezas en formato octavo, con menos de cen páxinas. A novela do oeste é un xénero da literatura popular, ou de consumo, que nace nos EUA na primeira metade do século XX. O creador do xénero foi Owen Wister, coa súa obra O Virxiniano (1902), se ben pode considerarse predecesores a James Fenimore Cooper, que en 1826 publicou O último dos mohicanos, ou Washigton Irvingo cos Western Journals (1832), amais dos autores costumistas Francis Bret Harte ou o propio Mark Twain.
A novela do oeste conta con personaxes arquetipos: o pioneiro e os buscadores de ouro, o rancheiro e os vaqueiros, o sheriff, o bandido pistoleiro, os indios, os mexicanos, os militares, os buscadores de oro, o doutor ou o taberneiro e as bailarinas do saloon. A idea da novela do oeste é entreter, como subxénero da novela de aventuras, e transmite sempre a idea do destino manifesto, ao que non se pode facer fronte. O xénero da novela do oeste tivo repercusión coa chegada dos western ao cine, se ben neste campo chegou a acadar cotas de calidade. Un dos sectores onde tivo éxito a novela do oeste foi entre os mariñeiros. Antes de existiren ordenadores portátiles nos que ver series, ou mesmo antes de poder ver VHS na televisión comunal, cando ían de marea adoitaban levar unhas cantas novelas destas para ler no camarote.
Marcial Lafuente entendeu este propósito de entreter. É significativo un consello que lle dera Enrique Jardiel Poncela: «Escribe para que a xente se divirta, é a única forma de gañar cartos con isto». A súa obra prescinde de longas descricións, centrándose nos diálogos e na acción. As obras tiñan menos de 100 páxinas, e a súa publicación era similar á das pulp estadounidenses: publicábanse semanalmente e vendíanse por 5 pesetas. Para ser tan prolífico, en ocasións Marcial Lafuente baseaba as tramas nas pezas do teatro clásico español, substituíndo os personaxes do século XVII polos arquetipos do oeste. Porén, non deixaba nada ao azar. Sabía que as súas obras tiñan éxito nos Estados Unidos, polo que coidaba a verosimilitude xeográfica histórica e mesmo botánica, a través de atlas e libros sobre ese país. Amais, para lle dar nome aos seus personaxes servíase dunha guía telefónica estadounidense. En 1958 os seus fillos Francisco e Federico comezaron a colaborar na escrita destas obras, que se publicaban co nome do pai. Mesmo despois da súa morte seguiron publicando, agora coa axuda do seu neto Federico.
Vaquero solitario ten unha trama ben sinxela. Na vila de Alamogordo, en Nuevo México (que non só existe, senón que é famosa porque foi o primeiro lugar onde se probou a bomba atómica, e onde tivo lugar o curioso caso de enterro de videoxogos de Atari), un rancheiro impón a súa lei nomeando o sheriff. Outro rancheiro ten contratado un vaqueiro que é rápido co revólver. Cuestións de amor e de honra dan pé a que axiña aparezan os tiros, e o final resólvese cunha anagnórise a través dunha analepse. Sería moi interesante facer unha análise de xénero desta obra para comprender o rol dos personaxes femininos. Audrey, a filla do rancheiro, é afouta e persoa de acción, e séntese atraída polo vaqueiro solitario. Sara, amiga dela e filla doutro rancheiro, é violada por un dos malos porque non quere casar con el. Tamén é interesante o rol feminino en filmes como Django, de 1966; das mulleres que aparecen no filme só se coñece o nome dunha delas, María, que é castigada e perseguida.