Marta Rodríguez Engroba
Tolerancia? Síntoo, diso non temos
Hoxe, máis que un artigo, o que me gustaría é facer unha reflexión sobre o acontecido nos últimos días e que, penso, na miña humilde opinión, que, ademais de significativo e moi definitorio, é para sentir arrepíos.
Hai unha semana, neste mismo espazo, tuven a "osadía" de expoñer a miña opinión sobre o caso de Juana Rivas, a nai de Maracena a que a lei obriga a entregar aos seus fillos ao pai, acusado de maltrato, e, porén, ao traslado dos menores a Italia, o seu lugar de residencia, situación ante a cal, a nai decidiu fuxir cos nenos.
Como digo, limiteime a expoñer a miña opinión. En ningún momento "lapidei" a Juana, nin lle faltei ao respecto a ninguén, ou polo menos iso creo, e moito menos xulguei, porque, a diferenza de moitos e moitas que se autoerixen en xuíces, eu teño moi claro que non son quen para facelo.
Sinxelamente pedin prudencia, e recordei que hai dous menores que son as principais vítimas desta lea, que cada vez, dito sexa de paso, toma un cariz máis rocambolesco, e do que descoñecemos moitisimos datos, pero que xa está a servir, iso si, para que os platós de televisión e os medios de comunicación en xeral comecen a ser o hábitat natural de máis dunha persoa que non dubidan en aproveitar a ocasión para darse a coñecer e, en consecuencia, aumentar o seu caché., aproveitándose sen escrúpulos, da desgraza de dous nenos.
Para a miña sorpresa, as reaccións non se fixeron agardar… e de que maneira!. Por suposto, houbo quen opinou coma min, e quen o fixo de xeito totalmente contrario ao meu, algo moi lóxico. Pero o que cómpre destacar son as manifestacións de aqueles que, para mostrar o seu desacordo, optaron polo insulto, pola descualificación e pola agresión verbal máis directa.
Fascista, machista, demagoga, foron algún dos cualificativos cos que se me agasallou nestes días. Houbo mesmo quen tivo a desvergoña de sacar a relucir tamén ao meu fillo, o cal xa di bastante da baixeza coa que actúan.
Pero o máis curioso é que todos estes insultos e faltas de respecto proviñan case na súa totalidade de persoas, homes e mulleres, que se autodefinen como feministas, aperturistas, activistas e de esquerdas, e que din, ademais, ser os máis fervorosos defensores das mulleres en xeral e das vítimas de violencia de xénero en particular.
Moi coherente, non si?.
Todas esas arengas tinguidas de liberalismo, de mente aberta, de entregado feminismo e de liberdade de expresión, amén desa tolerancia da que fan a súa bandeira, caen polo chan en canto manifestas o máis mínimo desacordo, arengas que, dito sexa de paso, moi raramente, por non dicir nunca, se traducen en traballo ou en axuda real, porque iso cansa moito, seica, e lanzar proclamas, malia que sexan baleiras, ademais de gratis, é bastante máis cómodo. Por non mencionar que teñen a habilidade, e iso hai que llo recoñecer, de que, cada vez que falan, sentan cátedra, de xeito que, polo menos durante un tempo, conseguen transmitir a sensación de que teñen algo máis que palabrería e, se me permitides a expresión, "mala baba".
Rachan as vestiduras cando consideran que alguén ofende a un dos seus, malia que normalmente o único que fan é disentir dalgún deses argumentos inflexibles cos que non deixan lugar ao diálogo, pero considéranse con dereito a insultar e a descualificar sen sequera pestanexar, malia que non te coñezan de nada.
A tolerancia é un concepto do que se lles enche a boca cando se trata de aplicala as súas persoas, porque neles todo está permitido, pero que non son quen de aplicar nas suas relacións cos demáis. Estás con eles ou contra eles, non hai termo medio, co prezo que iso conleva, por suposto.
Non deixa de ser irónico que, ainda por riba, teñan a desfachatez de tachar a ninguén de fascista.... ou será que se viron no espello?.
Medo me dá cando vexo algún destes elementos cunha certa responsabilidade nalgo que atinxe ás vítimas da violencia machista ou das súas crianzas, circunstancia que é moi posible que se dea porque, entre os seus talentos tamén adoita figurar o de ser uns consumados "trepas".
Que consello lle van dar a calquera muller que acuda solicitando a súa axuda, que se tomen a xustiza pola súa man, que tire pola rúa do medio sen pensar nas máis que probables nefastas consecuencias?.
Admito que, nun primeiro momento, me disgustei e doeume ler algunha desas descalificacións, e que cando alguén nomeu a meu fillo a piques estiven de poñerme ao seu nivel, as cousas como son, ao fin e ao cabo son humana, e cando me tocan o que máis quero, tamén salto, pero despois pensei que máis que rabia, o que esta "fauna" merece e que se lle teña mágoa, porque ten que ser enormemente triste non ser quen de facer algo tan sinxelo, ou que debería selo, como escoitar, dialogar, e, se en algo non concordas, comentalo e argumentalo tranquilamente, sen caer no insulto, pero, polo que se ve, esa tarefa lles ven grande. Ou tal vez o que sucede é que non teñen argumentos, e non se lles ocorre outro xeito de solapalo que lanzar dardos envelenados.
Do que si é obvio que andan escasos ou carecen totalmente é de tolerancia.
Que ninguén lla pida porque está moi claro que diso non teñen.
Asociación Si, hai saída
662537825