Marisa Lozano Fuego
A miña lectura do poemario 'Atrofiadas as estrelas', de Alexander Vórtice
Ás veces atrófiaseno-la vida, os pulsos e a dor, ás veces na nosa gorxa mistúranse unha serie de sinvivires…entón, emerxe o poema das mans deses poucos que saben rexurdir do noso cosmos, coma unha faísca de luz.
Alexander Vórtice nos di "mírote e esquézome das estradas que levan ó enmascarado inferno….mírote ó tempo que o meu carácter racha coa tristeza, mírote, agora que o mar é brétema"….e así nos mira, nos miramos uns a outros, tratando de pescudar esperanza neste abismo de confusión…sabedes, non estamos sós, todos e todas miramo-las mesmas estrelas…atrofiadas, sereas, libertadoras…."E ai estás ti, falando, sorrindo, apartando a molesta realidade pasada, presente, futura"…. Así, nós estamos aí, á outra beira da páxina, ó outro lado do precipicio, dándono-la man e o sentido…"Mais agora podemos acoller no corazón os tests amatorios, o sangue vivo. Os cerebros dispostos a beber o líquido con resonancia de amor nocturno"…. O autor nos empuxa, nos guía a un tempo de revolución onde os rañaceos son altos, tan altos que poden bicala-Lúa…onde o linde é o infinito e os soños non levan collar.
"Esperta o aguillón nesta noite aloumiñada polas mans do vento..." Sí, esperta, crávasenos na ánima e nas pálpebras e fainos sangue, sangue de verdade núa, hematíe de feitizo…tentamos deconstrui-las falacias e espallar verdades como follas, coma se puidesen voar.Si, Poeta, Poetas, voamos coma se fóramos cachiños de árbore "intentando estrangular o sangue destinado polas túas mans inxustamente feridas".
"Atrofiadas as estrelas nunha cidade de tellados vermellos e superstición polos obxectos e os egos(…) cidade imposta polos novos tempos.Liña de fume no ceo."
Aí é onde nos atopamos, persoas abatidas, desexosas de lume, dándono-la man e apresando un cachiño de vida…sabedes, quizáis o planeta agonice e as estrelas se caian a pedazos, quizáis se nos atrofie o senso e o latexo, pero dentro, nalgures, xermolará ese cachiño de ternura, esa explosión rebelde, a ilusión que nos fai de estrela, "ata que podamos deitarnos xunto á ledicia do mínimo espazo onde habita a penumbra".
(Citas en cursiva, textuais do poemario "Atrofiadas as estrelas, de Alexander Vórtice".)
Embaixo, declamados dous poemas desta obra.