Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Relatos americanos'
Relatos americanos é un libro que inclúe textos do grupo de música Ataque Escampe xunto con imaxes do artista plástico Misha Bies Golas.
Foi publicado en 2015, nunha edición numerada de 300 exemplares. Está autoeditado, a través dun crowdfunding ou micromecenado no que as persoas adiantaron os cartos para poder levar a cabo o proxecto e despois recibiron as recompensas ás que optasen, xa fose só o libro, algunha lámina dos deseños de Misha Bies Goas, ou mesmo o convite a unha presentación privada do proxecto cunha actuación musical en vivo. A música, non podía ser doutro modo, forma tamén parte do proxecto Relatos americanos, posto que inclúe unha banda sonora dispoñible no Bandcamp do grupo, con cinco pezas compostas por Lois Carlín.
Os textos foron escritos por Miguel Mosqueira, Samuel Solleiro, Lois G. Carlín e Roi Vidal, membros do grupo compostelán. A creación literaria é unha das facetas máis recoñecibles do grupo, do que xa se ten destacado o valor poético das letras das súas cancións.
Os relatos compoñen unha viaxe interior a través de 36 crónicas. Introducidas polo topónimo do sitio onde tivo lugar un determinado concerto, aparecen narradas as vivencias dos membros da banda. Desde un palco nunha parroquia perdida a unha sala de concertos da capital galega, desde un mitin dun partido político a unha concentración de motos. Desde a felicidade e a euforia etílica ao fracaso, a frustración e o desacougo. O orgullo do fracaso é, se cadra, unha constante na historia do grupo. A estes sentimentos acompañan perfectamente os dous textos que encabezan e pechan o volume: unha cita da secretaria xeral de Turismo Nava Castro, e o poema “Domingo á noite” do autor estadounidense Raymond Carver.
As imaxes de Misha Bies Golas son collages nos que engade elementos a imaxes en branco e negro dun fotógrafo estadounidense. Lenin, a raíña de Inglaterra ou Michael Jackson xunto con obxectos do cotián e paisaxes diversas. O artista lalinés (até o 4 de agosto pode visitarse a súa mostra Recordo no espazo Didac de Santiago de Compostela) é creador de publicacións como 27 Negros, Un avión de Feldmann, A modo de conclusión ou Grosso modo.
Non sei se existe algunha correlación entre os relatos e cadansúa imaxe. Ignoro tamén cal foi o criterio para escoller a orde dos 36 relatos; Non é unha orde cronolóxica, nin por disposición xeográfica, nin sequera alfabética en base aos topónimos. Fosen cales fosen os criterios, ben escollidos están.
Como anécdota, buscando un dato sobre este volume souben por casualidade que existe un libro chamado "Relatos americanos" dun home chamado Saljo Bellver, que anoto como futura lectura.