Tribuna Viva
Marín tras seis anos de goberno do PP
Tras seis anos de goberno municipal con maioría absoluta do PP no Concello, é necesario facer unha pausada reflexión sobre o estado do municipio e a política do partido no goberno.
Cando se fixo cargo o Partido Popular da xestión municipal no ano 2011, atopou solucionados moitos dos problemas endémicos que arrastraba o concello, ou encamiñados para alcanzar a súa solución: o PXOM, a problemática dos núcleos do litoral, a construción do centro de saúde despois de 20 anos de espera, os terreos para construción do campo de fútbol en Seixo xunto co compromiso da Xunta para o seu financiamento.
A xestión do goberno bipartito lograra fondos europeos e da Xunta que permitiu a peonalización do que queda do casco antigo , a recuperación para os veciños do río Lameira, a posta en valor do castro da Subidá, a construción do centro de visitantes dos petróglifos de Mogor, o Eco Parque co albergue turístico de Cadro, visitado hoxe por centos de persoas, a posta en valor da Granxa de Briz, proxectos e subvención para rematar de dotar o noso rural de saneamento a través do convenio máis grande alcanzado entre o Concello e Augas de Galicia, a declaración de casco antigo como área a rehabilitar co consecuente financiamento, ou compromiso económico da Autoridade Portuaria e a Xunta para enterrar o tráfico na Avenida de Ourense, o que supoñía o cambio definitivo do centro urbano. Entre outras moitas actuacións que, con acertos e erros, levou adiante aquel goberno.
Durante a campaña electoral a actual alcaldesa comprometérase cos veciños a construír o demandado auditorio na punta do peirao, un aparcadoiro subterráneo, a reforma da Avenida de Ourense, ou un parque en suboficiais entre moitas outras promesas.
Hai que recoñecer que durante os catro primeiros anos de goberno soubo aproveitar acertos do goberno anterior, vendendo como súas as obras e o traballo de outros.
Os dous anos que levamos do actual mandato amósannos a capacidade de xestión do goberno popular: ante a falta dun proxecto de cidade dedícanse a tapar a súa ineficacia con fotos e anuncios reiterados de pequenas obras de asfaltado e empedrados, a maioría financiadas polo goberno da Deputación, ou a practicar unha política que obriga as asociacións a facerse un photocall diario co concelleiro/a de quenda a cambio dunha esmola para que pareza que fan.
A dous anos de finalizar o mandato aínda non sabemos cando e onde será o Auditorio, que van facer na Avenida de Ourense e en Concepción Arenal, que foi da promesa de ampliar o cemiterio da Raña, cal será o futuro da edificio da Casa do Mar ou para cando o desenvolvemento do PXOM.
En resumo todo queda en fotos, promesas, anuncios, procesións e desfiles, mentres que Marín perde poboación, (xa somos mil marinenses menos), perde empresas locais, e sobre todo perde a oportunidade de saír do "Marín de cóntame como pasou" no que nos ten sumido o PP e os rescoldos da sociedade dos anos 70.
Xosé María Vilaboa Ramos