Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: Que se mueran los feos
"Recibir un golpe na cabeza, non é nada. Ser drogado dúas veces seguidas nunha mesma noite, pódese aguantar... Mais saír tomar o aire e encontrarse nunha habitación descoñecida, cunha muller, ambos os dous como Deus nos trouxo ao mundo, xa se pasa un pouco. En canto ao que me sucedeu despois..."
Así comeza Et on tuera tous les affreux, unha novela policial de Boris Vian narrada cun estilo humorístico. Apareceu publicada baixo o pseudónimo de Vernon Sullivan, baixo o cal o autor francés xa publicara Cuspirei sobre as vosas tumbas (1946) e Les morts ont tous la même peau (1948). Non obstante, se ben estas dúas obras eran duras, arredor do conflito racial nos Estados Unidos, esta é unha obra irreverente e cómica.
Apareceu por vez primeira editada por partes no periódico France-Dimanche, entre febreiro e abril de 1948, con Boris Vian como tradutor. A versión definitiva -ampliada e corrixida- apareceu en xuño dese mesmo ano da man de Éditions du Scorpion. Foi traducida ao castelán como Que se mueran los feos.
A obra está ambientada en California. Rocky é un rapaz de 19 anos, ex mister Os Ánxeles, que pretende chegar virxe aos 20 anos. Unha noite de xolda secuéstrano tras ser drogado. Aparece espido nunha habitación cunha femia moi atractiva, tamén secuestrada, co obxectivo de que se reproduzan. Logra escapar, e convértese en detective para desenmascarar ó científico Schutz, un millonario excéntrico que pretende un mundo formado por xente fisicamente perfecta (segundo o seu canon: rapaces vigorosos con músculos apolíneos e mulleres con curvas de vertixe...)
O que segue é unha intrépida e frenética aventura con persecucións, pelexas, alcol, sexo e moito humor. O estilo non é gran cousa, pero non está ligado á casualidade. Diálogos que rozan o absurdo, chistes malísimos e historias con pouco sentido e lóxica, fan unha combinación bastante boa cun fondo semi-épico.
Narrado en primeira persoa (agás un dos primeiros capítulos), conta non só as vicisitudes de Rocky, senón a súa visión subxectiva e os seus descubrimentos no referente ó sexo. Amais, teñen unha grande importancia o mundo dos bares nocturnos, incluídos as salas de concertos de jazz. A diferenza doutras obras publicadas co pseudónimos de Vernon Sullivan, escritas ó máis puro estilo da novela negra americana americana da época (Vian traduciu, entre outros, a Raymond Chandler), Et on tuera tous les affreux usa un ton burlesco, con moitas peripecias e situacións absurdas. Aseméllase máis ó estilo usado por Vian noutras novelas súas, como L'Automne à Pékin.
Boris Vian, ademais de enxeñeiro, cantante, trompetista, locutor, inventor, escenógrafo ou tradutor, foi un autor xenial. Viviu pouco tempo, pero cunha grande actividade. Esta pode ser unha obra menor, pero para min foi a máis divertida, e iso non é pouco en absoluto.