Tribuna Viva
Carta Aberta ao Alcalde de Pontevedra dos veciños de Mollabao
Estimado Sr. Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde de Pontevedra.
Queremos informalo con esta carta da intención dalgúns dos veciños de Mollabao de formar unha asociación veciñal para ter voz e participación no estado do barrio. Como ben sabe os veciños non estamos satisfeitos co estado do barrio que mantén un aspecto similar ao anterior a súa chegada á Alcaldía.
Nestes case 18 anos de vostede como alcalde, puidemos observar o gran cambio que deu a cidade, pasando dunha vila mais a un modelo internacional pero que a grandes trazos, para nós, quedou ao outro lado de Fernández Ladreda. É duro ver como os xardíns, as beirarrúas, os espazos peonís, as prazas do centro teñen un aspecto e uns servizos que no noso barrio non existen.
Ten que entender que a rúa Rosalía de Castro é o nexo de Mollabao, para os veciños non é unha estrada, é o lugar por onde camiñamos para ir ao centro, onde deberiamos ter espazos tranquilos de goce e onde máis botamos de menos a calidade urbana que se percibe no centro.
Sabemos que non sería xusto dicir que no seu mandato de case 18 anos non se fixo nada no barrio. A reforma de Simón Bolivar, Licenciado Molina, Benito Vicetto ou a Colonia Pina, o parque de Fonte Santa son proba délo pero é Rosalía de Castro a rúa que une a todo os veciños e cando a comparamos coa reforma da Av de Vigo quédanos coa sensación de ser cidadáns de segunda, unha sensación que perdura desde sempre.
Sabemos que lle estamos pedindo que actúe sobre unha rúa que é de titularidade doutra administración, pero consideramos que esta rúa xa fai tempo que debería ser do Concello. Non é unha estrada sen alternativas que impida a súa reforma, é unha rúa principal dun barrio. Por iso lle pedimos que acelere o proceso de traspaso é humanización de Rosalía de Castro.
Nesta carta queremos facilitarlle as principais demandas do barrio, pero sendo xustos con vostede e a súa xestión, deixando claro a co-responsabilidade doutras administracións:
XUNTA DE GALICIA
- Instar cesión da Rúa Rosalía de Castro cos arranxos que precise.
- Tomar medidas de acougado de tráfico. A velocidade real de circulación non ten nada que ver cos 30km/h que se ven nos carteis.
- Beirarrúas que incumpren a normativa de accesibilidade.
- Falta de pasos de peóns a partir do cruce con Simón Bolívar.
AUDASA
- Pluviais que verten auga por estar rotas as baixantes sobre espazos públicos
- Ruído excesivo para un espazo urbano. Noutros lugares instalaron paneis acústicos e baixaron a velocidade de paso dos vehículos.
- Feismo nas columnas da ponte con alto impacto no barrio. En Pontevedra propóñense murais esta situación que serían unha boa solución.
ADIF
- Maleza que invade espazos públicos e afea o barrio.
COSTAS
- Falta de conservación e limpeza dos terreos que lles pertencen. Acumulan lixo e cascallos, incluso unha infravivenda.
CONCELLO DE PONTEVEDRA
- Falta de ordenamento do estacionamento na rúa Fonte Santa.
- Mal mantemento dos equipamentos e da rúa en Simón Bolivar.
- Pouco servizo de limpeza nas rúas do barrio se o comparamos con Fernandez Ladreda.
- Xardíns con pouca calidade e mal mantemento, incluso se o comparamos coas medianas de Avenida das Corvaceiras ou calquera rotonda axardinada do centro.
- Dobre fila en Rosalía de Castro por falta de estacionamento de servizos e permisividade da Policía Local en rúas como Fonte Santa.
- Aguas pluviais no sistema de saneamento no barrio e casas que aínda non contan con este servizo.
- Falta de disciplina urbanística no que se refire ao coidado esixible aos particulares de vivendas e fincas.
- Espazo público desaproveitado baixo a ponte da AP-9 que podería cubrir carencias de equipamentos deportivos e de axardinamento.
- Rúa da Ruibal, insuficiente acougo do tráfico na intersección con Rosalia de Castro nun lugar sen beirarrúa nin pasos de peón.
Sr Lores, a nosa intención non é facer de oposición, entrar en péleas políticas entre administracións ou culpabilizalo de todos os males que lle acontecen ao barrio de Mollabao. Nos diriximos a vostede como máximo responsable de velar polos intereses dos seus veciños, e para chamarlle a atención por estes problemas que temos, e que non todos dependen de moitos cartos senón de vontade política por mudar un barrio que pode ser marabilloso se se confirman os proxectos de humanización de Rosalía de Castro, o parque nos antigo terreos de Malvar e o paseo peonil a Marín.
Reciba un cordial saúdo, dos que esperamos oficialmente ser a directiva da Asociación de Veciños de Mollabao SI.