Tribuna Viva
Ovidio dende Pontevedra, 2017
Un dos autores da literatura clásica máis significativos é Ovidio. É, coa perspectiva actual, un dos grandes da literatura romana, tanto por obra como por repercusións. A súa personalidade ten un poderoso encanto. Da época do emperador Augusto, compuxo importantes obras: Metamorfoses, o relato de mitos máis impactante; Ars amatoria ou as Heroidas, pezas sublimes de temática erótica, de moita pegada; ou Tristia e Ponticas, elexías ben sentidas desde o desterro ás beiras do Mar Negro. Unhas creacións que foron adaptadas e reutilizadas en diferentes contextos ata hoxe mesmo, nas distintas manifestacións artísticas e literarias.
Este 2017 pasa por ser o bimilenario da súa morte e quizais non estea de máis, ao tempo que recoñecemos o seu valor e permanencias, mencionar algo do seu legado, uns poucos dos seus ecos, na nosa cultura. Témolo na nosa prosa medieval, a que abrolla brillantemente no Reino de Galiza, como na Historia Compostelá, a grandiosa crónica dos tempos de Xelmírez, en múltiples referencias, como cando fala da "fama" que "murmura" ou cando describe as penalidades do camiño ("concava vallium") que ten que facer o bispo Mauricio de Braga ata a igrexa de Lérez para consagrar a Munio e Hugo, ante a presenza do mesmo Xelmírez.
Témolo igualmente con Píramo e Tisbe, a famosísima narración desta parella de namorados, de procedencia oriental, punto de partida de Calisto e Melibea, Romeo e Xulieta ou Basilio e Quiteria, por exemplo. E amósasenos na General et grande estoria de Afonso X o Sabio. E é ben visíbel, segundo os entendidos, na basílica de Santa María, na escea 13 da súa asombrosa contraportada.
A presenza de Ovidio é notoria nos pontevedreses Hermenexildo Amoedo Carballo (lembremos o Carmen patrium sive Pontevedra, a súa elexía desde o desterro en Bolonia) ou Xoán Manuel Pintos, o grande precursor do noso rexurdimento (na foliada 4 d´A Gaita Gallega), ou no arbense Evaristo de Sela, de quen se celebra o seu centenario (no verso limiar das súas "Boieiras", esa versión tan persoal das Bucólicas de Virxilio).
Polo tanto, un autor, Publio Ovidio Nasón, cunha influencia ben manifesta. Sobre todo, a das súas Metamorfoses, ese fascinante texto épico-didáctico do que podemos gozar no noso idioma grazas á edición de José Antonio Dobarro na colección de "Clásicos en galego".
Xosé Abilleira Sanmartín