Antón Roel Villanueva
A Feira da Cabaza
Leo nos xornais que piden que se recupere a Feira da Cabaza, todo o que sexa recuperar as nosas festas máis tradicionais e que forman parte da historia da cidade que nun tempo foron moi importantes para a economía e desenvolvemento non é bo deixalas no esquecemento. Revivilas son como abrir unha xanela a nosa historia cando a sinxela cabaza servía de alimento e traballo e utilizábase como "vasija" para líquidos, gardar sementes e de medida cando a cidade era historicamente agrícola, tamén como símbolo que identifica os peregrinos testemuña dun tempo pasado que non deberiamos esquecer.
Miña nai e moitas da súa época zurcían os calcetíns cunha cabaciña e aínda lembro as saborosas chulas que facía, unha das máis grandes alegrías que levou foi cando polos anos setenta, dende a asociación Amigos da Cultura se recuperou a Feira da Cabaza e íamos con ela a mercalas cando as vendedoras se puñan nun banco de pedra a carón das Catalpas ca xombriza do verde peculiar das súas follas na Praza da Verdura. Lembro unha velliña de Campañó que se asemellaba a Mamasunción da película de Chano Piñeiro, que era como a avoíña de todos nós cuns ollos que gardan a historia das que carrexaban o galego á cidade. Era como un poema de Rosalía colocando e arrolando con moito mimo, como se fosen amorodos as súas cabazas apañadas con agarimo na horta que vendía cun sorriso eterno. Aquela estampa era como conxelar o tempo, son intres que nos fan cóxegas no corazón.
Logo dun tempo, a Feira esmoreceu e deixou de celebrarse ata que no 2000, Luis Bará touxo novos folgos para a cultura e abriu unha xanela a nosa historia máis popular e recuperou a Feira da Cabaza e a Festa dos Maios. Supuxo un impulso para o idioma e a recuperación das nosas tradicións. Xa trasladada á praza de Curros Enríquez a Feira estivo uns anos con moito éxito de xente. Agora hai un tempo deixouse de celebrar. Pareceriame boa idea tentar recuperala, pois somos memoria e non debemos esquecer o patrimonio que nos deixaron os nosos ancestros e deixar no esquecemento unha actividade que xerou noutra época tanta riqueza como a Feira da Cabaza e Apeos de Labranza que se celebraba na Virxe do Camiño no que agora é a Praza de Compostela no mes de marzo, o mes da Muller, e a Canmelia cando a invernia quere fuxir. Axiña o noso Cuco traeranos a primavera no pico se non atopa ningún muro que llo impida.
Para cando o tempo nos deixe sen memoria e para non esquecer o noso pasado, sería boa idea ao poñer unha placa no lugar onde se atopaba a capela da Virxe do Camiño antes do seu derribo e sinalar que, ao seu carón, se celebraba unha renomeada Feira da Cabaza e Apeos de Labranza con moita sona na Galiza da época e recuperar a Feira.