Tribuna Viva
Agasallos para Nós de Evaristo de Sela en galego: Homero, Demóstenes, Kavafis…
Evaristo González Fernández, máis coñecido como Evaristo de Sela, por ter nacido nesa parroquia de Arbo o 2 de marzo de 1917, foi desde o inicio da sublevación fascista no 36 vítima da represión. Desertor do exército, padeceu diversos cárceres, en primeiro lugar Pontevedra.
Evaristo ten importancia de relevo para o noso sistema cultural como artífice dun labor "épico": o de traducir ao galego dúas obras literarias tan referenciais como a Iliada e a Odisea, de Homero. Excelente coñecedor do grego, de xeito autodidacta, acabaría sendo, despois de tantas inclemencias biográficas, catedrático desta lingua en ensino medio.
Tamén verqueu ao noso idioma a primeira Filípica de Demóstenes, ou algunha peza de Platón, como Critón. Asemade nos dou o impagable agasallo de podernos ler na nosa lingua poetas gregos modernos, como o gran Kavafis ou os marabillosos Premios Nobel Odisseas Elitis e Iorgos Seferis, entre outros.
Mais, xunto a isto, compuxo poesía. Nesta asoma a mirada á nosa paisaxe rural, en concreto os lugares da súa infancia bañados polo Miño, os seus sentimentos de soidade e insatisfacción vital, as dúbidas, a constatación da inxustiza. Na súa obra poetica, recollida en boa medida en Amar, 1945, ou en Versos de preso e outras rimas (da guerra civil ó 1975), 2007, abrolla con forza a súa personalidade, a súa intimidade, o seu ideario de fondo marxista ou o berro antifranquista. Nestes títulos temos textos que nos transmiten o saber clásico, mesmo o latino, como pode ser a orixinal adaptación das Bucólicas de Virxilio en "Boieiras", elaborada na prisión de Caldas de Reis no ano 37. Algo semellante ocorre en "A serra", datada en Pontevedra en xullo de 1936, uns versos de preso que literariamente conectan con certos trazos da fábula grecolatina.
Serva esta breve nota de lembranza de Evaristo de Sela, no centenario do seu nacemento. Sobre todo, pola súa tarefa de contribuír á nosa normalización lingüística e cultural a partir das traducións de obras tan significativas.
Xosé Abilleira Sanmartín