Antón Roel Villanueva
Espazos de lectura
Na praza da Constitución hai un hórreo como peza ornamental en bastante mal estado de conservación pero que non impide que un indixente durma nel co risco neste tempo de friaxe e chuvia que para a súa saúde supón. Xa levamos mortos indixentes dabondo na rúa neste ano para permitirnos un máis nas nosas conciencias. Tiñamos que facer todo o posibel para que non ocorra e procurarlle un lugar máis axeitado para poder durmir que o hórreo que, dende logo, non é o lugar máis axeitado.
En canto ao hórreo eu son partidario de adecentalo e darlle outro uso, unha nova vida, e reciclalo como punto de lectura do barrio, unha pequena biblioteca para que as xentes que frecuentan o parque poidan coller un libro, sentarse a lelo no tempo de lecer e devolvelo despois. Dinme que igual non devolven os libros pero tampouco pasaría nada pois, por desgraza, cos libros ninguén se fai rico, nin son comestibles e quen rouba un libro é que ten ansias de coñecemento e de culturizarse e non debería ser delito o roubar un libro para saber máis.
Hai xente que coñezo que ten moitos libros na casa e non saben que facer con eles nin onde doalos. Ese espazo de lectura do Hórreo acondicionado como biblioteca sería como un contenedor de reciclaxe de libros. Xa en Londres souberon darlle outro uso ás cabinas telefónicas e son pequenas bibliotecas das rúas, aquí tamén poderiamos facelo cun hórreo. Tampouco penso que fose un investimento moi grande e estariamos invistindo en cultura e nunha zona escolar como é o Parque da Constitución, para que os rapaces se acostumen á lectura, ao igual que as cabinas londiñenses os nosos hórreos teñen dereito a unha segunda vida e, dalgún xeito, ser de utilidade á sociedade.
Agora que falamos do barrio, o Parque da Constitución é unha das zonas máis poboadas da cidade moi frecuentada por familias con nenos. Sen embargo, non conta cun parque infantil e moitas nais do barrio teñen que se desprazar cos rapaces ás Palmeiras ou a Barcelos porque non teñen na praza un parque para xogar os cativos. Había uns aparellos para que os vellos fixeran exercicios nuns xardíns na praza pero os retiraron, supoño, porque xa estaban en mal estado. Agardamos tamén que axiña poñan outros máis axeitados, pois ás tardiñas é un espazo moi concurrido pola xente do barrio e da cidade. É unha zona con moita vexetación a carón do Gafos, moi tranquila para o lecer con moita calidade de vida, pero con pequenas deficiencias que, con vontade, pódense corrixir.