Tribuna Viva
Carta da Asociación "Las 13 Rosas" ao alcalde de Barro
Prezado Alcalde, concelleiras e concelleiros:
A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres dando un paso firme cara a igualdade entre mulleres e homes e propugnando valores como liberdade e o control da sociedade patriarcal que tanto dana e afecta a tódalas persoas, independentemente do seu sexo ou nacionalidade
.Esta Asociación na súa reunión do día 22 de novembro acordou instar ao noso Concello a participar na iniciativa Galicia,"En negro contra a violencia" para que o Concello de Barro exhiba o logo desta iniciativa e para que, da mesma maneira, tamén fomente o seu uso nos establecementos radicados en Barro; como xa fixeron moitos outros municipios da nosa contorna.
Neste senso, animámolos a participar nesta gran iniciativa que emerxe fortemente en Galicia da man da plataforma "En negro contra a violencia" que non se identifica con ningunha cor política; só co seu compromiso cunha sociedade plural e sen violencia. Da mesma maneira, convidámolo a crear iniciativas que sensibilicen á cidadanía nesta aspecto e a convocar unha concentración para o día 25 de novembro, pois aínda rememoramos con fastío e noxo os crimes de violencia machista que houbo no noso Concello e contorna.
Moitas grazas de antemán polo seu tempo e dedicación e ficamos á espera das súas noticias.
Reciba un cordial saúdo,
O Presidente da Asociación "Las 13 Rosas"