Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Odisea espacial'
Odisea espacial é unha tetraloxía de ciencia ficción do escritor inglés Arthur C. Clarke. Está formada polas novelas 2001: Unha odisea espacial (1968), 2010: Odisea dúas (1982), 2061: Odisea tres (1987) e 3001: Odisea final (1997).
Arthur C. Clarke (1917-2008) afeccionouse de novo á astronomía, e durante a Segunda Guerra Mundial serviu na Forza Aérea como especialista en radares. Estudou matemáticas e física, e ao rematar o conflito bélico comezou a escribir artigos científicos, especialmente sobre astronáutica e a órbita xeoestacionaria. Ao pouco comezou a escribir tamén ficción literaria. A súa obra caracterízase por combinar unha rigorosidade científica moi escrupulosa, cun profundo sentimento humanista e utópico, de perfil político e social. Outra das súas sagas destacadas é a de Rama, iniciada en 1973 con Cita con Rama (traducida ao galego por Alejandro Tobar) e continuada con Rama II (1989), O xardín de Rama (1991) e Rama revelada (1993), escritas estas tres canda a Gentry Lee.
A saga Odisea espacial ten a súa orixe no relato corto "O sentinela", que Clarke escribira en 1948 e que apareceu publicado en 1951. En 1964 Stanley Kubrick fixera a película Dr. Strangelove or how I learned to love the bomb ("Teléfono vermello"), e estaba fascinado pola posibilidade da existencia de vida extraterrestre, polo que decidiu facer unha proverbial película de ciencia ficción. Roger Caras, de Columbia Pictures, púxoo en contacto con Arthur Clarke, e o director díxolle que quería rodar un filme sobre a relación do ser humano co universo. Clarke deulle a Kubrick seis relatos que escribira, e a partir de aí comezaron a traballar no proxecto que deu pé ao filme 2001: A Space Odissey, recoñecido como un dos máis influentes da historia do cinema.
O relato "O sentinela" fala dun posto de control establecido na Lúa por unha civilización alieníxena para observar a evolución da especie humana co propósito de establecer contacto cando estivese suficientemente desenvolvida. 2001 comeza narrando a aparición dun monólito negro hai tres millóns de anos, que inflúe nos primeiros homínidos e os axuda a comezar a empregar ferramentas. Outro monólito aparece na Lúa en 1999, e dous anos despois unha nave espacial parte seguindo un sinal de radio enviada polo monólito.
A novela e o guión para a película desenvolvéronse en paralelo, influíndose mutuamente mais con algunha diferenza (por exemplo, na novela a misión espacial parte cara ao satélite de Saturno Xapeto, mentres que na película vai cara ao satélite de Xúpiter Europa). Como o propio autor advirte nos prólogos, existen diversas incoherencias entre as novelas debido a descubrimentos científicos que foron tendo lugar, se ben non alteran a trama.
A novela 2010 xurdiu logo de que a sonda Voyager visitase Xúpiter a finais da década de 1970. Clarke decidiu seguir a trama do filme e non a da novela, posto que o primeiro acadara moito éxito e servía xa de referente. Esta novela ten un contido moito máis político, con conflitos diplomáticos entre os Estados Unidos e a Unión Soviética no marco da carreira espacial. A obra foi tamén levada ao cine en 1984, dirixida por Peter Hyams.
Nun principio Clarke tiña pensado continuar a saga aproveitando os datos recollidos pola misión Galileo, que ía visitar Xúpiter a finais da década de 1980. Porén, a misión atrasouse e o autor decidiu seguir cunha trama alternativa, centrada na visita á Terra do cometa Halley. En 2061 a humanidade comezou xa a colonizar o Sistema Solar, e a nave Galaxy fai unha aterraxe de emerxencia en Europa, satélite agora convertido en planeta de seu. A nave-cruceiro Universe fai unha viaxe de proba no cometa Halley cun dos protagonistas das novelas anteriores a bordo, e vense na obriga de rescatar os ocupantes da nave Galaxy. En Europa reaparece o monólito.
A saga remata con 3001, publicada en 1997. O feito de que a historia teña lugar mil anos despois da primeira fai que haxa un maior exercicio de imaxinación. Desenvólvese unha fantástica recreación do mundo e da sociedade humana dentro dun milenio, xunto con avances tecnolóxicos cos que só cabe soñar. De fondo, a trama recupera personaxes das novelas anteriores.