Patricia Vilán
Bicos sarahauís
Leo con preocupación na prensa destes días que dúas adolescentes marroquinas foron detidas e serán xulgadas por se bicar. Resulta que en Marrocos a homosexualidade está penada con ata 3 anos de prisión e é así que o Código Penal marroquino castiga a "comisión de actos contra natura con individuos do mesmo sexo". Entón, venme á cabeza unha idea: Os dereitos das mulleres en Marrocos, no Sáhara Occidental e nos campamentos de refuxiados. E, de xeito inmediato, lembro a Lala, con quen falei con motivo dun traballo sobre o conflicto que tiña que facer a miña filla.
Lala naceu en Wilaya de Auserd, no campamento de refuxiados de Tindouf, en Alxeria. Os seus pais son saharauís. Chegou a España de pequena, grazas a ese programa marabilloso "Vacacións en Paz", acollida por unha familia galega coa que quedou.
Agora xa é cidadá española, pero lembra con tristura e cun punto de reivindicación a vida nos campamentos. Alí falta de todo: infraestruturas, alimentos, ropa, menciñas, as temperaturas son extremas e toda a auga se racionaliza e se importa. Mais como é moi cara a súa importación e os retallos dos gobernos de Feijóo en axuda e cooperación internacionais foron tremendos, ao final, a auga bébese sen potabilizar, o que xera moitos problemas de saúde, como diarreas e deshidratación, ademais doutros mais frecuentes como desnutrición, diabetes, problemas dentais e de vista debidos ao Siroco e ao sol.
Lala reivindica os dereitos das mulleres saharauís. Ten claro que o papel da muller é básico para a vida nos campamentos de refuxiados. Os homes están no exército ou ocupados de tareas civís, polo que a muller traballa na casa, nas escolas, como cociñeira, nos hospitais... Semella que o seu papel é coma o da muller galega perante a emigración.
Di Lala que existen, extraoficialmente, asociacións de mulleres feministas saharauís, que non son ben recibidas no mundo musulmán, pois buscan acadar unha sociedade igualitaria na República Árabe Saharauí Democrática (RASD), onde as mulleres gocen efectivamente dos dereitos e as libertades que agora non teñen.
A realidade é que a influenza da relixión e a tradición sitúan á muller nunha posición de subordinación en todos os aspectos sociais, económicos, políticos e culturais e non só nos campamentos de refuxiados (onde goberna o Frente Polisario), senón tamén nos territorios ocupados por Marrocos no Sáhara Occidental.
Eu engadiría, visto o artigo do Código Penal marroquino, tamén, no propio territorio de Marrocos. O que me fai lembrar os bicos das dúas mulleres lesbianas marroquinas liberadas estes días e os desas nenas saharauís que, coma Lala, cada verán chegan a Galicia e non paran de bicar nos aeroportos cando marchan de volta aos campamentos