Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Pontevedra literaria'
Pontevedra é unha cidade con bastante actividade literaria, xa sexa esta máis ou menos canónica. Nas súas rúas pode verse escultura de Xerome de Estridón (patrón de tradutores e tradutoras) ou Valle-Inclán, e rúas adicadas a Paio Gómez Chariño ou Herminia Fariña e Pilar Bértola. Xa non temos xogos florais, como os que se celebraban a finais do século XIX e comezos do XX, mais é frecuente que haxa na vila actividades diversas relacionadas coa literatura: este mesmo mércores na Casa da Luz estiveron os e as poetas presentes no V Obradoiro Internacional de Tradución Poética que se desenvolve na Illa de San Simón, no marco do Festival Kerouac. Amais, houbo presentación de libros en dúas librarías, e a semana anterior houbo un coloquio sobre fútbol e literatura. De vez en cando hai recitais na Casa das Campás ou o Museo, e anualmente celébranse o PontePoética e o CulturGal, no que teñen acollida numerosos eventos literarios. E cómpre non esquecer as numerosas charlas nocturnas nos bares arredor do tema, que á súa vez en ocasión dan pé a novas creacións.
Entre os varios libros dos que falei até o de agora foron varios os que tiñan algunha relación con Pontevedra, como La saga-fuga de J. B., As tres columnas, Apocalipse Z ou Cegoñas no fondo da ría. E é que amais de dar de beber a quen pasa, a vila serviu desde hai tempo como escenario de textos literarios. Sería interesante falar dos topónimos alternativos dados á cidade: posiblemente o máis coñecido sexa Castroforte del Baralla, nome que Torrente Ballester lle deu en La saga/fuga de J. B.
O libro Pontevedra literaria é unha escolma que recolle escritos relacionados coa vila. Está editada por Ana Acuña, Carme Blanco Ramos, Eloi Gestido e Xosé Abilleira Sanmartín, e apareceu publicada en 2007 da man do Concello de Pontevedra.
Os textos, principalmente en galego e castelán, aparecen estruturados en seis apartados. Comeza con textos poéticos, o máis vello pertencente ao Coloquio de vintecatro galegos rústicos do Padre Sarmiento (1746). Despois prosegue con textos narrativos, comezando por un de Emilia Pardo Bazán de 1890. Logo de varios textos do campo da dramática, hai un apartado curioso con relatos de viaxeiros falando do seu paso pola vila, en linguas como o francés, italiano, portugués, inglés ou catalán. Neste apartado, en certo modo podería incluírse a autobiografía Y así fue y así será do cociñeiro italiano Francesco Iannelli, asentado desde hai anos na cidade. A continuación aparece na sección "outros textos" unha escolma de prosa non ficcional, con artigos, discursos ou pregóns, entre outras pezas. Resulta curioso ver varias do volume Pontevedra, boa vila, de 1947. E para rematar hai varias coplas de populares de tradición oral, referidas ás terras do concello e a festas como o entroido, a Semana Santa, os Maios ou o Corpus.
O volume inclúe textos que en 2007 permanecían inéditos, algúns máis vellos (un poema de Sabino Torres), e outros de autoras máis novas, como Elvira Ribeiro Tobío. Desde 2007 foron diversos os textos narrativos publicados que se poderían incluír, como Olympia Ring, 1934 (Xabier López, 2014), Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960 (Sabino Torres, 2014), amais dos xa mencionados As tres columnas, Apocalipse Z ou Cegoñas no fondo da ría.
Dentro da poesía, caberían tamén textos de Isaac Xubín, como o seu poema "Catálogo de bois" (2012) ou a composición "A = π r2", do poemario Elementos de matemática (2002). Cabe sinalar tamén a obra de Alexander Vórtice, que no seu poemario Atrofiadas as estrelas (2015) inclúe pezas urbanas de ambientación nocturna na vella cidade de pedra. A cidade tamén aparece, en certo modo, na obra do recentemente finado Fran Cortegoso.
No apartado doutros textos caberían as colaboracións de Rodrigo Cota en publicacións humorísticas como Retranca ou Botafumeiro, en que xoga coa crónica política e coa actualidade local. Tamén caberían pezas aparecidas na publicación deportivo-literaria O salmón oval, centrada no mundo do rugby.
En certo modo o libro Pontevedra literaria tivo continuación no volume Pontevedra. Laranxeiras e limoeiros (2015), coordinado por Ana Acuña e Olivia Rodríguez, que recolle textos escritos expresamente para o libro por dezanove autores e autoras contemporáneas, amais de fotografías da pontevedresa Noel Queipo.