Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Futuro imperfecto'
Futuro imperfecto é unha novela de Xulia Alonso Díaz. É unha novela autobiográfica, que conta a vida dela e do seu home dende que se coñecen cara a 1981 até a morte del en 1992 por mor da SIDA. O texto, escrito en 2005, foi publicado en 2010 por Editorial Galaxia.
Xulia é unha muller da súa época. Nada en 1961, aos 17 anos marcha vivir a Compostela. Matricúlase na universidade para estudar psicoloxía, pero a sensación de liberdade e afastamento do pai autoritario fan que decida comezar unha vida propia. Alí coñece o seu amor, Nico. O desexo de transgresión lévana a querer probar todo o prohibido, e a independencia económica ao comezar a traballar como administrativa lévaa a verse inmersa en festas frenéticas. Chegado certo punto, vense enganchados á heroína.
Comeza entón unha loita polo futuro, pero por un futuro que xa é incompleto, ao saberen que Nico é seropositivo. A familia, as amizades e o nacemento de Lucía -a filla, a quen está adicado o libro- serven como táboa á que aferrarse antes de afogar. Cando o futuro ten data de caducidade, o único que queda é o amor.
É un texto real, sen caer na autocomplacencia nin na xustificación. Unha obra descarnada, cunha sinceridade absoluta e sen tabús nin eufemismos. Unhas memorias escritas en primeira persoa mais cunha narración bastante omnisciente, porque Xulia sabía o que Nico sentía e padecía.
A novela serve tamén para coñecer a Galicia da década de 1980. Desde o nacemento da Xunta na Compostela dos movementos estudantís, ao Vigo da movida. É o retrato dos fillos e fillas do baby boom, unha xeración desinformada, que tivo que aprender de primeira man o que significaba a pandemia da heroína e a SIDA. Xulia conta a súa historia de superación, unha como tantas outras. Ante as dificultades, o agradecemento absoluto ás persoas que os apoiaron e ao persoal da sanidade pública: médicxs e enfermeirxs que se enfrontaban tamén a unha doenza descoñecida, e que socialmente era percibida como unha lacra, mais que non deixaron de dar o seu cariño ás persoas infectadas.
A obra comeza in medias res, e conta con numerosas analepses e prolepses. Os capítulos son curtos, e están encabezados con citas de autores como Lois Pereiro, Benedetti, Rosalía de Castro, Gioconda Belli, Manuel Rivas, María Mariño, Carlos Fontes, Pedro Salinas ou Celso Emilio Ferreiro, ou mesmo anacos de cancións de Led Zeppelin ("Stairway to heaven"), David Bowie ("Wild is the wind") e Lou Reed ("Heroin"). Tamén hai citas das obras de Escohotado e Burroughs, e mesmo dun filme de Akira Kurosawa.
A novela recibiu o premio Antón Losada Diéguez, o premio Arcebispo San Clemente e o premio Frei Martín Sarmiento en 2012. A obra foi traducida ao castelán pola propia autora, e publicada en 2014 polo selo Mar Maior, da propia editorial Galaxia.