José Freire
Ética policial
Nunha determinada época, da que fun testemuña e, en certa forma, actor principal, na profesión policial plantexamos un cambio de imaxe e de realidade para superar o campo tradicional de servir de instrumento dalgún sector social privilexiado ou do poder. Hoxe en día, xa ninguén se cuestiona que a policía debe estar ao servizo de todos e con maior sensibilidade cara aos problemas dos cidadáns máis esquecidos.
Actualmente atribúeselle gran transcendencia á acción policial en moitos campos da vida cotiá; preocupa a incidencia social que ten, e dentro do ámbito policial, os problemas éticos merecen unha atención especial na nosa sociedade pluralista. Dalgunha forma, a Policía e os seus valores éticos, coa normativa que rexe na actualidade, serven de termómetro para medir o grao de respecto que ten unha comunidade cara aos dereitos dos cidadáns.
Hai quen di que cada pobo ten a policía que se merece ou, noutro sentido, dime que policía tes e direiche que democracia alcanzaches.
Nas sociedades modernas, a ética nas relacións humanas só se lexitima a través do respecto á dignidade humana, tal e como o recolle a nosa Constitución no seu artigo 10. O abeiro deste principio, é imprescindible chegar a un compromiso entre as propias crenzas e o axuste a uns modos lexitimados pola lei, máis aínda polo que a profesión policial ten de servizo público.
Asumido pois o papel que a Policía ten na calidade de vida dos cidadáns, salvo algúns "iluminados", non se cuestiona a súa existencia. As críticas encamíñanse máis cara a algúns comportamentos que, aínda que esporádicos, como algún caso de abuso, corrupción, uso indebido da forza…, dana a imaxe policial.
A ética das actuacións policiais ten unha especial resonancia na opinión pública e crean un debate no seo da Policía. Así, os propios policías toman conciencia de actualizar a súa dimensión profesional, que esixe un desenvolvemento das normas éticas e un compromiso con elas.
Os policías somos conscientes que debemos ser profesionais emocionalmente equilibrados, que teñamos gran estima a todo o que supoña a defensa e dignidade da persoa humana e que estamos sometidos, nas nosas actuacións, ao marco legal, adecuando os fins a conseguir e os medios a empregar. Aínda que a Lei supoña unha servidume, é o medio que reúne as garantías de ser o produto dunha técnica xurídica posta ao servizo do ben común.
É evidente que as sociedades democráticas necesitan de certa orde e seguridade, pero tamén precisan liberdade. De aí a importancia de establecer o equilibrio entre os poderes indispensables para o cumprimento da misión policial e o dereito do cidadán para ser protexido contra posibles abusos cometidos no exercicio de tales poderes.
A criminalidade contemporánea e o incremento nas súas formas violentas, así como a multiplicación de normas e regulamentos que poden conducir a restricións da liberdade individual, pódese traducir nun maior rozamento entre a Policía, como representante da autoridade, e os cidadáns. Iso pode dar lugar a críticas sistemáticas contra a organización policial e, en definitiva, unha mala imaxe.
Así como os médicos teñen encomendada a misión de velar pola saúde dos individuos, a Policía debe garantir a liberdade e seguridades públicas, tan necesarias para a calidade de vida, pero iso, ás veces, só se pode lograr sacrificando as liberdades e mesmo a integridade física dos particulares, que aínda que son elementos nocivos, teñen a mesma consideración de persoas, do mesmo xeito que as súas propias vítimas.
Para os policías a submisión á lei é a mellor garantía nas súas intervencións diarias. Asemade, cada un dos que formamos parte desta Institución, debemos asumir a nosa parte de responsabilidade en respectar, cultivar e velar pola boa imaxe que a Policía Nacional ten actualmente entre os cidadáns, gañada con moito esforzo e sacrificio, e pouco recoñecida, con feitos, polos gobernantes.
A democracia española está en débeda coa súa Policía.