Juan Diego M. Alcaraz
Informacións incendiarias
É tráxico ver como se queima Galicia. É tráxico ver como se queima Portugal. Este será outro verán para lembrar nas negras estatísticas dos incendios forestais na Península Ibérica. O de Portugal é horroroso pero imos centrarnos sobre o que máis preto temos, o que nos afecta directamente.
Desespera saber que unha porcentaxe elevadísimo de incendios son provocados polos humanos, directa ou indirectamente. Quen provoca un incendio de forma voluntaria, coa intención que sexa, debería ser considerado como un terrorista, destrutor da Natureza, que nas súas accións cóbrase vidas humanas e bens materiais.
Non importa a causa que leva a prender lume, non exime do delito. Sexa por vinganza, interese económico, tolemia, pasatempo... Sexa a causa que sexa, eses executores deberían ser privados inmediatamente de liberdade e encerrados no pozo dos indesexables.
Estes días de lume, fume e escuridade, nos que se multiplica a avidez de noticias en directo e os medios despregan todos os seus efectivos, prodúcense ondas de opinións, comentarios e informacións erróneas, que nos levan a pensar que estamos rodeados de pirómanos suicidas, que cada incendio é obra dun perturbado. Non sei en que porcentaxe iso é certo, aínda que penso que na gran maioría dos casos así é.
Pero coidado. Ollo porque, dalgunha maneira, estamos intoxicados e non só polo fume. E isto dígoo con coñecemento de causa e corrobórano moitos dos heroes que coñecín estes días de loita no monte. Heroes anónimos que, sen o seu esforzo e duro traballo, agora teriamos unha Galicia calcinada.
Eles tamén están de acordo en que abundan as informacións erróneas, bobadas que se converten en sentenzas públicas, ben pola falacia do xornalista, o descoñecemento da testemuña ou a manipulación das correntes de opinión. O último caso ao que asistín é o do vídeo tomado no incendio de Arbo, no que, en cuestión de segundos, vese como varios focos prenden un tras outro, nunha perfecta liña recta, mentres as asombradas testemuñas saltan ante cada nova labarada ao lonxe. Fillos de puta incendiarios! pensas instantaneamente ao ver esas imaxes.
É humano; pero tamén o é equivocarse e neste caso todos os que levantamos un dedo acusador ante a autoría deses novos focos equivocámonos. Que o inicio do incendio de Arbo fose ou non intencionado, aínda está sen determinar. Pero o que si quedou claro é que os focos que vemos prender no vídeo son a causa do propio voraz incendio.
É significativo que non haxa unha "versión oficial" que desminta o sentir popular de que estes focos son de autoría humana. Pero neste caso hai unha explicación 'natural' de porqué préndense eses focos secundarios: nos grandes estalidos das chamas que chegan a duplicar a altura da arboleda, saltan muxicas ardentes que arrastra o vento.
Aquel día sopraba do norte con moita forza, a suficiente para arrastrar en liña recta grandes muxicas ardentes entre o fume por centos de metros, mesmo quilómetros. Son restos vexetais ardentes que voan na dirección do vento e caen ao chan onde, se atopan algo seco, non tardan en provocar un novo lume.
Tanto bombeiros expertos de Protección Civil, como un dos pilotos que traballaron na extinción, coinciden nesta versión da orixe dos focos que vemos prender no vídeo, pero tamén coinciden no descoidados, sucios e cheos de maleza seca que están os bosques galegos. Como os de Arbo.
Información errónea interesada? Manipulación nas redes sociais? Desvío da atención e entendemento do que realmente ocorre? Intentos de ocultar á opinión pública a extrema e perigosa sucidade dos montes e a falta de prevención? Son moitas preguntas sen resposta mentres vemos como se calcinan miles de hectáreas. Cóntennolo ben ou mal, os nosos verdes montes convértense en paisaxes lunares.
E para terminar, GRAZAS con maiúscula ás xentes que se xogan a vida en cada incendio e que co seu heroico esforzo e duro traballo no monte, velan polas nosas vidas e intereses con medios moitas veces moi escasos e con incentivos absolutamente ridículos. Non hai diñeiro que pague o seu perigoso e duro traballo. Grazas de corazón.