Patricia Vilán
Arde Galicia
A loita contra o lume deberíase converter nunha loita de país. Pero por desgraza, non todos os responsables políticos pensan así.
Mediado o mes de xuño, o Presidente Feijóo aprobaba con demora que a empresa SEAGA executase os traballos de prevención e organización de brigadas de vixiancia e defensa contra os incendios forestais. Segundo decía o propio presidente, eran razóns climatolóxicas e a situación dos montes as que así o indicaban. Iso si, os contratos para avións quedaban desertos, pero había que ter tranquilidade, posto que, se fose necesario reforzar, el tiña dúas propostas estrela.
No que levamos de verán, levan ardidas mais de 5.500 hectáreas e estas propostas estrela non asoman por ningures e aínda estamos a comezos de agosto.
O monte está abandoado porque pouca xente vive xa no rural (en Galicia temos mais de 1.400 aldeas deshabitadas), vimos padecendo un cambio climático que ten incrementado as temperaturas nos últimos anos e outras causas axudan a este desastre, entre ellas, a pasividade do goberno da Xunta.
Galicia arde e non hai medidas específicas de prevención na loita contra os lumes. Non hai equipos de alta tecnoloxía aplicada á detección de lumes e á simulación da súa evolución sobre o territorio. Non hai protocolos específicos para a extinción.
O único certo é que hai equipos de extinción traballando arreo, cidadáns defendendo sen descanso as súas casas e o seu territorio e políticos irresponsables que teñen propostas estrela e só saben botarlle as culpas a "pirómanos criminais". O único certo é que mudaron as razóns climatolóxicas e a situación dos montes e que levan ardidas no país mais de 5.500 hectáreas. E mentres arde Galicia, agardamos as medidas estrela do Presidente da Xunta. Un verán mais.