Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'La casa de Lúculo'
La casa de Lúculo é un tratado gastronómico do autor vilanovés Julio Camba. Publicado en 1929, é posiblemente unha das súas obras máis coñecidas, ao se tratar da única que non está composta por unha compilación de artigos.
Ao igual ca Álvaro Cunqueiro, Julio Camba era tamén de bo dente. E ti e mais eu tamén, non o imos negar. Como dicía Obelix, comer é un pracer. O título fai referencia ao xeneral romano Lúculo, gran afeccionado aos banquetes e lupandas, e quen introduciu en Roma a cereixa, o albaricoque ou o pexego, así chamado porque viña do Pérsico. Del dicíase que "facía render por fame os inimigos e por satisfacción os amigos". O subtítulo do libro é el arte de comer (nueva fisiología del gusto), o que está relacionado cun dos temas tratados: as boas maneiras na mesa (ou as malas maneiras, se queres que un mal anfitrión non te volva invitar).
A obra comeza cun prólogo titulado Hors d'œuvre, "donde el autor pretende demostrar su autoridad en cuestiones gastronómicas". Cando se publicou o libro o autor contaba xa 45 anos, e viaxara como correspondente de prensa por boa parte do mundo: Arxentina, Constantinopla, París e Londres, Nova York ou Berlín foron varios dos lugares polos que pasou. Camba coñeceu desde as pequenas fondas de menús económicos cando era anarquista, aos grandes hoteis e restaurantes cando pasou a escribir en ABC e El Sol.
O primeiro apartado, La Gastronomía y la Ciencia, fala de varios descubrimentos e inquedanzas de comezos do século XX: o descubrimento das vitaminas e o estudo dos valores nutricionais. Amais, expón unha teoría dos alimentos e categorízaos en dous niveis. Fala tamén da asimilación e o proceso de dixestión, así como da importancia da predisposición psicolóxica á hora de gozar dun bo xantar. E remata a introdución cunhas reflexións sobre o futuro do mundo da gastronomía, ben interesantes vistas desde a perspectiva actual.
A continuación pasa xa a describir as variedades gastronómicas. Primeiro comeza con La cocina española, e despois pasa á francesa da que di que é a mellor do mundo, e a creadora da literatura gastronómica. Curiosamente, no libro El camarero (1911) Iván Shmelev facía referencia a numerosos pratos franceses que servía no restaurante moscovita. A continuación Camba fala da cociña italiana, alemá, inglesa, estadounidense e chinesa. Trata tamén neste apartado a cociña vexetariana.
Na sección Técnica culinaria analiza os xeitos de preparar a comida: asados, salsas, coccións, frituras, estufados... e despois céntrase xa en analizar produtos. Primeiro os viños, centrándose nos franceses e derivando en bebidas destiladas. Logo pasa aos peixes e mariscos, destacando a importancia de tomalos preto da costa. Lembremos que por entón non había buques conxeladores, e chegar a Madrid por estrada desde Galicia era unha odisea. De feito, o autor fala da importancia das fondas, restaurantes, mesóns e pousadas existentes nas vías de comunicación, boa parte dos cales se perderon nos últimos tempos con tanta autoestrada e tanto tren de alta velocidade.
Deseguido describe varios pratos da gastronomía española, mais non fala só das características culinarias, senón tamén da historia dos produtos e das particularidades das diversas cociñas. E para rematar, dous textos sobre a gula, que Camba relaciona especialmente cos sacerdotes e os médicos.
Se ben a obra ten unha unidade temática arredor da gastronomía, percíbese claramente o estilo de Camba ao conformar o libro diversos artigos breves cunha constante presenza do humor, en ocasións mesmo de carácter absurdo. As viaxes do autor reflíctense non só no contido analizado, senón tamén na aparición de citas noutras linguas como o alemán (cun texto de Martiño Lutero), o inglés, latín, galego, italiano ou portugués.
A edición do libro que teño é a oitava, de 1972, na colección Austral de Espasa-Calpe. Neste volume hai un aspecto moi curioso, como é a aparición en diversas páxinas de publicidade de produtos que facilitan a dixestión. Así, os ocos en branco ao rematar os capítulos, son cubertos con anuncios da marca Ulcerba, que ofrece un antiácido-antiulceroso a base de histidinato de aluminio.