Pedro J. Peón Estévez
Os puntos sobre os is
No día despois de Rajoy ser posto no lugar que sempre lhe correspondeu,é dicir; como persoa non grata, Ence publica unha nota a toda plana en toda a prensa de tirada nacional nunha campanha de contaminación da opinión pública sen precedentes baixo o titular "Ence reclama que non se xogue politicamente cunha fábrica que xera miles de postos de trabalho e cumpre rigorosamente a normativa ambiental". ( Non se pode mentir máis con tan poucas palabras. Ence, un complexo fabril imposto por unha decisión POLÍTICA dunha dictadura militar a punta de baioneta calada, non é quen, nin está facultada física nin moralmente para reclamar nada. Ence non xera, xerou nin xerará miles de postos de trabalho. E por último, Ence non cumpriu, cómpre nin cumprirá a normativa ambiental nin de lonxe. E segue a misiva: )
"Ante as informacións xurdidas co galho da prórroga da concesión do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, a empresa quere informar do seguinte:"
* " A Autorización Ambiental Integrada da fábrica foi renovada polo bipartito PSOE-BNG en 2008, dado que a factoría cumpre ao 100% a lexislación europea, espanhola e galega" ( Certo; foi unha faena; unha putada. Estou en condicións de ser crítico con tododiós e sono pero iso non fai máis que reafirmarme nas minhas conviccións: quen favorece a Ence, sexa quen sexa, sempre ten a mesma consecuencia: fodernos a vida ós demais. Coma así, a autorización do bipartito era válida ata o remate da concesión en 2018. ATA O REMATE DA CONCESIÓN EN 2018! ATA O REMATE DA CONCESIÓN EN 2018! ATA O REMATE DA CONCESIÓN EN 2018!!! Queda claro ou tenho que repetilo? )
* " Os datos ambientais da fábrica están, coma os de calquera industria, controlados pola Administración. Ademais, no caso de Ence-Pontevedra estes datos son públicos xa que a companhía, orgulhosa dos seus resultados ambientais, cólgaos diariamente na súa páxina web, iniciativa única no seu sector" ( Os datos de calquera? industria están controlados pola Administración. Os de Ence son os que a propia empresa subministra ás Administracións comenentemente maquilhados. Por certo...Que foi da caseta de control de Potemuínhos, modesto chabolo que era o único control? que exercían as administracións? E non esquezan que o Concelho de Pontevedra tamén é unha administración...ou que !? )
* " O aire de Pontevedra supera todos os días do ano os parámetros de calidade recomendados pola OMS. Pontevedra é a única das cidades costeiras de Galicia na que isto acontece" ( Segundo Ence, claro está. Voltamos á mesma; Quen, con que e como se controla o aire en Pontevedra. E a mesma pregunta: Que foi do caseto de Pontemuínhos? En principio puxeran un que apodreceu no medio das silvas. Despois puxeron outro máis moderno e máis bonito e, por último, non hai ningún. Será que xa non ten razón de ser dada a extraordinaria pureza do aire de Pontevedra? )
* " As praias situadas en fronte da fábrica de Ence disponhen de bandeira azul da Unión Europea" ( Mintira!!. A praia de Lourido non dispón, dispuxo ou disporá de bandeira azul mentres Ence estea en fronte. E as praias da marxe sur do fondo da ría? Esas non tenhen bandeira ningunha porque fican soterradas por Ence. En todo caso terían bandeira negra, de loito, pero se cadra acaíalhe melhor unha bandeira pirata dada a natureza dos seus okupas. A única praia do concelho de Pontevedra é a dos Praceres, defendida polos afoutos vecinhos das gadoupas do Cambicho. Esa é a soa praia que lhe queda a Pontevedra, as outras meteulhas no cu á celulosa )
* " Desde 2014, a planta de Pontevedra conta co selo ecolóxico Nordic Swan (ecoetiqueta oficial dos paises nórdicos establecida en 1989 polo Conselho de ministros Nórdico, composto por Suecia, Dinamarca, Finlandia, Islandia e Noruega) por cumprir cos máis esixentes de respecto ambiental ". ( Vaia!, curiosamente os mesmos países que importan o 95% da pasta de Ence -segundo a propia ence - É dicir:que eles xa non a fabrican e impórtana do terceiro mundo... Brasil, Uruguay, Espanha... Así calquera coida o medio ambiente! En canto ós selos ecolóxicos, medalhas, certificacións etc. cadaquén pode ter os que poida pagar. Aquel tristemente célebre "departamento de relaciones exteriores " que tinhan en Benito Corbal tinha as paredes tapizadas de parabéns, felicitacións e agradecementos encargados e mercados ó "peso" por eles mesmos. Pero... que será iso do Conselho de Ministros Nórdico? Pois é un grupo de politcos que tivo certa relevancia hai un tempo pero que arestora están máis caducados que o Benelux xa que as súas funcións foron absorbidas pola CEE pero mantenhen o chiringo aberto para entreterse co "fomento da cultura", venda de selos ecolóxicos e outras mandangas)
* " A Comisión Europea ha reconhecido o modelo de xestión e o compromiso coa melhora ambiental da fábrica de Ence en Pontevedra por ser a primeira industria galega en sumarse de forma voluntaria ao Sistema Comunitario de Xestión e Auditoría Ambientais EMAS. Transcorridos 15 anos desde entón, a empresa mantén a súa adhesión a EMAS, o cal supón un compromiso de melhora continua, verificado mediante auditorías independientes" ( Demasiadas molestias para que di cumprir con creces a lexislación ambiental. Véxase comentario anterior sobre selos ecolóxicos e demais. Hai cousas que non cambian nunca. Ese "ha recoñecido" renxe bastante pero é lóxico; Ence meteuse no galego ultimamente e, de vez en cando, traizóaa o seu subconsciente nacional-catolicista )
* " Ence emprega directamente máis de 370 persoas en Pontevedra, e xera 800 postos de trabalho na mesma comarca e máis de 5000 en Galicia " ( A todo isto hai que engadir que nos seus comezos, a celulosa tinha máis de 500 trabalhadores fixos. A mediados dos anos sesenta foi desdobrada e despois sofreu sucesivas ampliacións e, cada unha delas supuxo outras tantas reduccións de plantilha. Respecto ós supostos postos de trabalho indirectos habería moito que aclarar. Eu tiven un talher de carpintería metálica e, coa mesma vara de medir de Ence, daba o dobre de postos de trabalho que ela. De calquera xeito, nas funcións dos trabalhadores non entra a obriga de agredir, ameazar ou rebentar plenos. Vai sendo hora de que os dirixentes dean a cara )
* " Ence avalou bancariamente na solicitude de prórroga o seu compromiso de investir 61 milhóns de euros na súa fábrica de Pontevedra para seguir xerando emprego na comarca " ( Iso é moi bonito pero hai que contalo todo. Tenhen de prazo 60 anos para investir os 61 milhóns - un milhón por ano - Non facelo só lhes suporía unha rebaixa de dez anos de concesión. O caso foi que se lhe concedeu unha ampliación da concesión en base a un hipotético investimento futuro e voluntario. As condicións son tan ventaxosas que da a impresión que as redactou a propia Ence.
Só en mantemento xa gastan máis que todo iso. O que si van a investir- seguro - e na central de biomasa e non exactamente "para seguir xerando emprego na comarca". Os corenta Mw de producción non precisan máis de trinta operarios, moi lonxe dos 700 que pregoan, se o comparamos coas as centrais de biomasa esixtentes. Ademais, eses trinta serán todos os que trabalhen no complexo termoeléctrico xa que moi logo han pechar a fabricación de pasta e os que foron berrar ó Teatro Principal rematarán na rúa e non por culpa do alcalde.
O que Ence tinha que avalar bancariamente -melhor dito; ingresar nun fondo, de haber quen lho tivese esixido- é o custo do cumprimento dunha cláusula que figura na acta de constitución da celulosa e que vén dicir o seguinte: Rematada a concesión, a empresa deixará o espazo que ocupa TAL E COMO ESTABA antes da súa instalación. Esta condición foi redactada por un goberno dunha dictadura militar para ser flagrantemente incumplida por un goberno que vai de democrático. Vaia unha paradoxa!)
* " A actividade de Ence consiste en transformar madeira 100% cultivada e certificada sustentable en pasta de papel como fan o restodeproductores europeos instalados en fiordos escandinavos ou nas rías portuguesas" ( Madeira cultivada onde? Uruguay...Brasil...Portugal? O eucalipto galego estano a pagar a menos de trinta euros a Tm. e iso se lhe peta a gana de mercala e depende a quen. Bastante máis nos custa ós particulares a lenha para quecérmosnos no inverno. A política forestal en Galiza é cousa de Ence. Eles mangonean canto queren e os goberninhos non pintan nada. Nos fiordos escandinavos xa non quedan practicamente celulosas pois sáelhe a conta importar pasta de Asia, Sudamérica ou Pontevedra e, de paso, mantenhen o seu ambiente limpo. Por ponher un exemplo; lémbrolhes que Botnia está na beira do río Uruguay e non nos fiordos de marras. Tamén Ence quixo apalancarse alí peroaquela xente chimpounos a gorrazos. E por último...Úlas as rías portuguesas? Ai, bendita ignorancia...! Aveiro é unha ría!? Viana é unha ría!? Éche ben certo: o falar non ten cancelas )
* " Este proceso de transformación de Ence-Pontevedra é hoxe exemplar no seu comportamento ambiental e é un dato público xa que os datos ambientais da industria son públicos na Unión Europea " ( Os datos de Ence sempre foron públicos e todos venhen a dicir o mesmo: Nin Ence Nin Elnosa nunca contaminaron en tempo presente, Non contaminaban pero despois dun tempo dicían estar investindo un pastón en medidas correctoras pero... non quedamos en que nunca contaminou? Gastaron un capitalón naquela famosa campanha " 9-2-92 nos vamos a dar donde mas nos huele " van alá 24 anos e volven á carga ca mesma lideira; que falta de imaxinación!.
Non contaminaba pero pintáronlhe barquinhos, peixinhos e paxarinhos e o famoso " Anhelus " e o único que lograron foi facela máis tenebrosa e arestora volven co tema. Ou sexa; Ence sempre contaminou, iso si, pero con efecto retroactivo, olho! Podemos ficar contentos de que os datos de Ence sexan públicos na Unión Europea mentres que aquí o que é público e notorio e o cheiro, a ruína do mar, a eucaliptización do país, o cancro, as ameazas, a degradación galopante do entorno...ises son os nosos datos e que nos acompanharán, polo menos, outros sesenta anos só porque un negado quixo pasar á historia pero carecía de méritos. O Mangalhón Felón é o Fernando VII do século XXI)
* " Entre a fábrica de Ence en Pontevedra e a Ría discorre hoxe unha autoestarada de catro carrís, polo que a desaparición da fábrica só beneficiaría a especuladores inmobiliarios. O seu terreo nunca sería praia ou zona de marisqueo: non hai praia cunha autoestrada entre a area e a auga " ( Quietos parados! Este apartado é especialmente malintencionado e ben merece pararse un pouco. En primeiro lugar analicemos o texto de pasada. Entre Ence e a ría non "discorre hoxe unha autoestrada". Ese vial xa discorría ANTES de aparecer a celulosa e aínda estivo uns anos sen abrirse ó tráfico rodado despois de Ence comezar toda actividade. Ese vial ( que non autoestrada) foi feito nos anos corenta por Construcciones José Malvar. Daquela, unha delegación de vicinhos dos Praceres propuxo ós promotores da obra que a fixesen elevada por mor de que o mar trabalhase o litoral pero foron rexeitados con malos modos. Porque daquela ninguén sospeitaba que o suposto vial non era máis que un muro de contención para a futura celulosa. Si sería innecesaria esa obra que, a mediados dos sesenta, xogabamos ó fútbol na estrada de Marín por falta de tráfico. Preocúpase Ence de que, de desaparecer a fábrica, se beneficien "especuladores inmobiliarios" e isto si que é verdadeiramente kafkiano; o raposo defendendo ás pitas!!. " O seu terreo nunca sería praia ou..." Terreo seu!!?? Volve a traizoalos o subconsciente. O terreo é e sempre será Dominio Marítimo-Terrestre. É dicir: de todos en xeral e de ninguén en particular. Que, en último caso, ten que ficar a autovía polo medio do mar? Pois vale. Tempo haberá de elevala. Calquera cousa antes que sufrir ese tumor infecto sesenta anos máis. En calquera caso, non hai tal autoestrada nin hai tal "Marisma de Lourizán s/n". Ahí nunca houbo ningunha marisma senón mar e costa, litoral, ría. O Atlántico batendo na ribeira de Lourizán. Ta só iso. Que non é pouco )
* " As preocupacións do Concelho de Pontevedra terían que ser eliminar a contaminación das súas augas provocada por unha depuradora de augas residuais da cidade denunciada pola Unión Europea polo seu mal funcionamento, así coma loitar contra o desemprego e non usar en loitas políticas a unha empresa que cumpre escrupulosamente a legalidade e que xera emprego." ( Marchando outra de victimismo. Nin xeran emprego - a plantilha é cada vez máis reducida e os empregos máis precarios - nin cumpren a legalidade. Sen ir máis lonxe, o comedor que tenhen é totalmente ilegal e iso non é máis que o chocolate do loro. Disque a depuradora funciona mal. É certo. E non será por que evacúan os seus efluentes polo emisario submarino da tal depuradora urbana? Boulhes contar unha pequena historia. Cando o Poblado de Celulosas foi habitado, non lhe puxeran ningún tipo de depuración e vertían directamente no mar a escape libre. Nós iamos banharnos a unha poza que había entre o ferrocarril e a Avenida e, cando nos decatamos, estaba inzada de zorolhos flotantes de celuloso, condóns e outras lindezas. Imaxino que hoxe cagarán na depuradora devandita. Xa, por último, lembrarlhes que o Concelho non é a casa de Lores nin de Moreira. O Concelho é a MINHA CASA e quen ofende ó meu concelho, oféndeme a min. Que tempos aqueles dos Rivas, Cobián, Pedrosa... ai aqueles alcaldes amigos!!! Tan agradecidos, tan sumisos!. Agora hai un alcalde que lhes planta cara e síntense ofendidísimos, oes! )
* " A prórroga da concesión por 60 anos foi un trámite administrativo regrado e transparente, no que as partes implicadas han podido participar " ( Máis do mesmo. Como saben que foi regrado e transparente? Estaban eles alí? " No que as partes implicadas 'han podido' e participaron. Volve o subconsciente espanholísimo a traizoalos. E como se explica que eu - como parte implicadísima ou, en todo caso o meu Concelho non fumos convocados? Úla a transparencia machinhos!? E rematando:
* " Se alguén non está de acordo coa prórroga que acuda aos tribunais, pero que non use o nome da empresa, da fábrica e a dignidade dos que trabalhan para loitas políticas" ( Se alguén está de acordo coa prórroga que non contamine a opinión pública, que non ameace, non insulte, que non tome o concelho por asalto. Grazas a ence por recomendarnos que vaiamos ós tribunais pero sobraba o conselho agora ben: non me creo nada esa xenreira que finxen ter cara a política cando tenhen o Conselho de Administración ateigado de ex altos cargos do PP componhendo unha gran familia claro que, como dicía Don Vito: " La Familia es lo primero ".
Pedro J. Peón Estévez