Tribuna Viva
O Mobile World Congress non informa dos riscos dos seus produtos para nenas e nenos
Un ano máis a APDR, como coordinación galega de la PECCEM, denuncia a continuada desinformación dos riscos para a saúde asociados ao uso de dispositivos móbiles e sen fíos, como os impulsados no Mobile World Congress de Barcelona, e sobre como minimizalos. Emprazamos ás administracións públicas locais, autonómicas e central á difusión e aplicación urxente das recomendacións proteccionistas do Parlamento Europeo, a Axencia Europea de Medio Ambiente e o Consello de Europa, con actuacións dirixidas á poboación xeral e especialmente aos sectores máis vulnerábeis (poboación infanto-xuvenil, embarazadas, de avanzada idade, con enfermidades crónicas), na liña das mocións municipais aprobadas en L´Hospitalet do Llobregat, e Tarragona a modo de plans de rescate cidadán fronte á contaminación ambiental. Dende a PECCEM animamos ao Concello de Barcelona, un dos promotores, a ser garante nas vindeiras edicións do Principio de Precaución da Lei de Sanidade, na defensa dos intereses da poboación fronte ás posibles presións do lobby da industria da telecomunicación.
Manifestamos a nosa gran preocupación pola exposición infantil-xuvenil ás radiacións electro-magnéticas de radiofrecuencias a idades cada vez máis tempéranas e dun xeito máis intensiva, coa implantación sistemática de dispositivos sen fíos como ferramentas pedagóxicas no ámbito escolar, do crecente número de aparellos sen fíos nos fogares, e dos perfís de consumo destes dispositivos asociados a unha oferta crecente no mercado, co Mobile World Congress como máximo expoñente, chegando a incluír reloxos e pulseiras intelixentes, ou os sensores de realidade virtual como agasallos de Nadal para os máis cativos.
Solicitamos á Xunta de Galicia e á administración central que dende os seus ámbitos (educación, sanidade, medio ambiente, ...) impulsen "campañas informativas a nais e pais, profesorado e alumnado para advertir dos riscos do uso dos teléfonos móbiles e doutros dispositivos que emiten microondas", primando a conexión a internet por cabo na escola (máis segura e rápida), segundo recomenda a Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa (APCE) na súa Resolución 1815, "os perigos potenciais dos campos electromagnéticos e os seus efectos no medio ambiente". Dita resolución "lamenta a falta de resposta aos riscos ambientais e sanitarios coñecidos ou emerxentes e os atrasos case sistemáticos na adopción e aplicación de medidas preventivas eficaces malia as peticións de aplicación do principio de precaución e de todas as recomendacións, declaracións e numerosos avances normativos e lexislativos", como a lei francesa de 2015 que, entre outras medidas de protección infanto-xuvenil, prohibe o Wi-Fi nas gardarías. "Esperar a ter probas científicas e clínicas sólidas antes de tomar medidas para previr os riscos coñecidos pode provocar uns custos sanitarios e económicos moi elevados, como foi o caso no pasado co amianto, a gasolina con chumbo ou o tabaco". Son múltiples as chamadas proteccionistas de organismos sanitarios e asociacións profesionais a escala mundial (1) como o Colexio oficial de Biólogos de Galicia e a Sociedad Española de Protección Radiológica.
Nun contexto onde comités científicos como o SCENIHR e o ICNIRP son cuestionados por conflitos de interese e falta de independencia, a APCE aposta por "ter en conta aos científicos que dan a alerta temperá e protexelos", nesta banda destacamos o último chamamento de alerta internacional realizado á OMS, á ONU e aos seus países membros, realizado no 2015 por máis de 200 científicos especializados en bioelectromagnetismo con máis de 2.000 publicacións na materia, científicos da talla de Yuri Grigoriev, máximo responsábel do Comité Nacional Ruso para a Protección Contra as Radiacións non Ionizantes ou, a nivel galego, a Dra. Elena López Martín, profesora e investigadora da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela. Devandito chamamento insta á protección urxente da poboación, moi especialmente nenas e nenos, fronte á exposición a campos electromagnéticos de antenas de telefonía, wifi, teléfonos móbiles e sen fíos, contadores intelixentes, monitores sen fíos para bebés e dispositivos de similar tecnoloxía similar, así como daquelas infraestruturas propias da distribución de electricidade.
Desde a APDR e a PECCEM demandamos aproveitar no futuro este tipo de eventos sobre as tecnoloxías da comunicación para potenciar o uso de dispositivos biocompatíbeis, alertar dos perigos do uso precoz, indiscriminado e prolongado dos teléfonos móbiles e outros dispositivos sen fíos, e educar sobre como reducir estes riscos.
Xulio Carmona pola xunta directiva da APDR e a coordinación galega da PECCEM.
Referencias
(1) Hai multitude de organismos que se situaron neste tema: Oficina Federal Alemá para a Protección contra as Radiacións, Academia Alemá de Pediatría e Medicina da Adolescencia, Departamento de Saúde e Servizo Nacional de Saúde do Reino Unido, Axencia Francesa para a Seguridade da Saúde, Ambiental e do Traballo (AFSSET/Min. de Ecoloxía e de Sanidade), Servizo Público Federal de Saúde Pública, Seguridade Alimentaria e Medio Ambiente de Bélxica, Ministerio Federal Belga de Desenvolvemento Sostíbel, Enerxía, Clima e Protección dos Consumidores, Ministerio de Sanidade Italiano, Asociación Irlandesa de Médicos Ambientais, Departamento de Saúde Pública do Estado de Salzburgo (Austria), Colexio Médico de Austria, Autoridade Finlandesa de Radiación e Seguridade Nuclear, Oficina Federal Suiza de Saúde Pública, Departamento de Saúde Pública de Toronto, Ministerio de Saúde Israelí, Comité de Saúde Medio Ambiental do Parlamento Israelí, Ministerio de Saúde da Federación Rusa e o seu Comité para a Protección Contra as Radiacións non Ionizantes, Instituto de Cancro de Pittsburgh, American President´s Cancer Panel.