Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Plomo en los bolsillos'
Plomo en los bolsillos é un libro de historia sobre o Tour de Francia, escrito con humor polo xornalista guipuscoano Ander Izagirre. Explícase ben o contido no seu subtítulo: Malandanzas, fanfarronadas, traiciones, alegrías, hazañas y sorpresas del Tour de Francia. A historia da proba aparece tratada a través de anécdotas, desde o seu nacemento como un reclamo xornalístico até a actualidade.
Ander Izagirre é licenciado en xornalismo e foi ciclista amateur, polo que neste texto conxuga dúas das súas paixóns. O relato é animado, e obriga á persoa lectora a empatizar, a suar conforme pasan as páxinas. Lévate a querer visitar o Tourmalet para dar alento aos ciclistas, ou no seu defecto a coller a Peugeot que tes no rocho e subir ata Cotorredondo ou A Fracha.
No libro destaca o factor humano. Estamos afeitos a mirar pola televisión a serpente multicolor á hora da sesta, desfrutando das paisaxes e analizando as tácticas de equipo. Pero aquí esmiúzase a vida dun ciclista durante as tres semanas de carreira, que o levan a alcanzar o límite de dor do seu corpo até cruzar a ansiada meta dos Campos Elisios. Coas súas luces e as súas sombras, afrontando de cara a problemática de substancias prohibidas. Antes das actuais transfusións de sangue e eritropoetina (EPO), xa existiron de sempre complementos: nas primeiras épocas cada corredor debía buscarse a vida e parar a xantar onde puidese (con asaltos literais ás tabernas por parte do pelotón), polo que o normal era facerse cunha botella de viño que axudase a recuperar azucre e fixese entrar o corpo en calor para afrontar os picos nevados. Despois chegaron os analxésicos en forma de supositorios de cocaína ou as anfetaminas, que en 1966 acabaron con Tom Simpson desfalecido no Mont Ventoux.
Calquera tempo pasado foi mellor, adoita dicirse; acostumamos mitificar os pioneiros, pero é normal sentir cariño por corredores como o bilbaíno Vicente Blanco, a quen lle faltaban parte dos pés e que antes de comezar a proba se dirixía na bicicleta desde o seu domicilio, percorrendo Francia de sur a norte para tomar a saída. Agora os ciclistas preparan a tempada cuns obxectivos predeterminados, cun equipo de mecánicos axustando as lixeiras máquinas de fibra de carbono e con dietistas controlando a inxestión de carbohidratos, pero antes cada un reparaba os picazos nos pneumáticos e metía entre peito e lombo unha boa ración de bacallau ou chuletóns.
A historia escríbena os vencedores, e hoxe en día poñémoslle cara a Merckx e Ocaña, Hinault, Induráin; pero o libro presta tamén atención aos gregarios, aos últimos en chegar, e por suposto ao eterno segundo, Poulidor.
Foi publicado no ano 2005, logo de gañar o premio Marca de literatura deportiva. En 2012 foi reeditado por Libros del K.O., e en cada nova edición inclúe agradables sorpresas. Trala retirada dos sete Tours a Lance Armstrong modificouse o capítulo a el adicado. Despois engadiuse o cómic despregable 'Tourmalet', de Patxi Gallego, e en febreiro de 2016 apareceu a oitava edición, que inclúe un capítulo novo, 'Aquel Tour que le robaron a la Pulga de Torrelavega'.
© Libros del K.O.
Plomo en los bolsillos (Ediciones del K.O., 2012)
228 páxinas. ISBN: 9788494010170