Patricia Vilán
Je Suis Juliette Binoche
Premios Goya 2016, cheos de estrelas, algunhas mais fugaces que outras. Entre elas, a máis brillante, Juliette Binoche, aburrida a maior parte das veces, alucinada cando apareceron os bombos de Calanda, igual que case todos nós.
Atopeina no meu primeiro ano de Universidade, naquel frío e húmido salón de actos do Colexio Maior. Era unha xoven fotógrafa que vivía a revolución do Praga do ano 68, pertencendo a un terrible triángulo amoroso.
O mesmo triángulo de anos despois cun inmenso Jeremy Irons. Juliette, sempre radiante, cunha elegancia que traspasaba a pantalla, destrozaba de novo os soños de príncipes azuis daquelas rapazas tapadas con mantas no mesmo salón de actos no que a descubriran. E repetía triángulo pouco despois, entre aquel "sij" de pelo trenzado e un home queimado que xa non era mais que unha pantasma do pasado, nun lugar onde o sofocante calor facíame esquecer que a coñecera nunha sala fría e húmida.
Ata que hai pouco volveu ser fotógrafa, nai, muller real nos 40, sen maquillaxe, coas enrugas de quen loita polo seu traballo, pola súa paixón. Nunha cinta que, adiantándose ao aniversario de Shakespeare, ten por nome unha das frases mais fermosas da literatura universal: "A thousand times goodnight".
Onte non recibiu o Goya por outra película coa noite como protagonista e na que, de novo, é unha muller valiente nun mundo de homes, que loita polo seu soño. Non foi premiada, mais, para min, tanto ten, "je suis Juliette Binoche".