José Freire
Á vosa honra
Os derradeiros días 10 e 17 do presente mes de Nadal, a Organización sindical maioritaria do Corpo de Policía Nacional, Sindicato Unificado de Policía, da que teño a honra de pertencer dende o ano oitenta, ven de levar a cabo concentracións en demanda dunha serie de medios, humanos e materiais, para poder desenrolar o traballo de defensa da seguridade e a liberdade dos cidadáns, precisamente con maior seguridade e efectividade.
Entre ámbalas dúas datas, un tráxico acontecemento veunos a estremecer: a morte en Kabul de dous compañeiros, Isidro e Jorge. E, aínda que tiveron a súa homenaxe, especialmente por parte dos seus compañeiros, síntome na necesidade de, con estas sinxelas letras, honrar dalgún xeito a súa memoria e o seu sacrificio.
Porque honrándoos, estamos a fortalecer a gratitude como valor necesario na sociedade na que vivimos. O recoñecemento implica tamén darlles visibilidade como exemplo de entrega e solidariedade. A reflexión sobre o exemplo que nos deron Isidro e Jorge lévanos a apreciar o traballo que día a día fan os funcionarios policiais que arriscan a súa vida en defensa dos dereitos dos cidadáns.
Os policías son eses servidores públicos, que poñen en risco as súas vidas para entrar en lugares perigosos. Son os seus corpos os que patrullan solitarios as rúas ou os que asisten á chamada dunha muller atemorizada polas ameazas da súa parella; son os seus brazos os que se encargan de socorrer ás persoas atrapadas nun incendio ou en situacións de catástrofe; son os seus peitos o primeiro que atopa un delincuente cando tenta agredir e roubar a un comerciante ou a unha anciá; son as súas cabezas as que se interpoñen para acougar aos manifestantes ou a seareiros de fútbol en conflito; é a súa vida a que corre risco cando hai que desactivar un aparello explosivo; ou son os seus corpos os que se interpoñen ante os terroristas para salvar a liberdade e a democracia dun País, como precisamente fixeron Isidro e Jorge.
Para afrontar estas situacións de perigo, hai que ter valentía, e sobre todo valores moi arraigados, coma eles, que os levaron a desenrolar a súa función cunha convicción militante na lei e nos dereitos dos outros.
Honrar aos policías falecidos é tamén un modo de demostrarlles que a inmensa maioría da sociedade sabe o que os axentes arriscan por defender os seus dereitos. A sociedade espera e confía na súa policía, que saben que vai estar ao seu carón cando a necesiten, que a súa función é imprescindible.
Aínda que son consciente que para algúns non, para a maior parte da sociedade a vida que os policías arriscan debe valer tanto como a vida dos outros cidadáns. E se o valor da súa vida e a súa integridade física son equivalentes ás de todos, pero están colocados en situacións de maior risco, é un imperativo democrático, que o goberno de quenda debe ter en conta, mellorar as medidas de protección para os policías, colocados nesas situacións de perigo.
E para que iso ocorra, hai que mellorar a situación de precariedade que veñen soportando os policías nas súas condicións laborais: importantes carencias en medios de protección e de defensa, en medios humanos; a xornada laboral segue como nos anos oitenta e en contra das directivas europeas; as recompensas profesionais repártense máis que concederse, deixando no esquecemento a numerosos casos merecedores de condecoración; a politización da policía resulta cada vez máis evidente, utilizando os procesos selectivos para colocar a comisarios afíns en postos de responsabilidade; a utilización do Consello da Policía como un órgano de mero trámite e non de negociación, como así está estipulado; ou o abandono dos policías xubilados, a quen tanto lle temos que agradecer polos servizos prestados en momentos claves da historia deste País.
Non sei a vostede, pero a min quédame a dúbida de que, con máis e mellores medios, igual Isidro e Jorge aínda poderían estar connosco. Descansade en paz. Tédelo merecido.