Patricia Vilán
Terror, século XI
"Non chega con matar aos nosos inimigos. Non somos asasinos, senón executores; temos que actuar en público, para exemplo de todos. Nós matamos un home, mais aterrorizamos a cen mil. Non obstante, non chega con executar e aterrorizar, tamén hai que saber morrer, xa que, aínda que matando desanimamos aos nosos inimigos de emprender calquera acción contra nós, morrendo da maneira mais valerosa posible provocamos a admiración da multitude. E desa multitude sairán homes para se unir a nós. Morrer é mais importante que matar. Matamos para nos defender, morremos para converter, para conquistar. Conquistar é unha meta, defenderse é só un medio".
Son as verbas de Hassan ibn Sabbah (fundador da Secta dos Asasinos), a comezos do século XI. Os seus seguidores, aos que el mesmo chamaba Asasiyun, aterrorizaron a antiga Persia durante case dous séculos. Estaban eficazmente organizados e tiñan unha fe inamovible. Así, Hassan ibn Sabbah conseguiu construir a máquina de matar mais temible da Historia.
O día 4 de marzo de 1994, eu comezaba a ler "Samarcanda", unha das novelas do meu escritor favorito, o libanés afincado en París Amin Maalouf. Despois do 11-S relín o segundo libro e sentín calafríos. Comezaba o século XXI e semellaba que a Historia retrocedía 1000 anos. O mesmo que o 11-M. Igual que este venres.
Desexo non ter que o facer de novo. Mais, en tanto a comunidade internacional non entenda que o problema está nos países de orixe e alí é onde hai que solucionalo, tremo de pensar que "O paraíso dos asasinos" non ten remate, 10 séculos despois, e que o terror será o do século XI.