Patricia Vilán
Pensamento libre
Aquel mestre de Matemáticas chegou á clase, mirou cara á parede e, sen decir nada, descolgou o crucifixo. Gardouno no primeiro caixón da súa mesa. Os alumnos enmudecemos. Corría o ano 1985. Eu tiña case quince anos e era o meu primeiro día de Instituto.
Mais de forma misteriosa, ao seguinte día o crucifixo apareceu pendurado na parede e, de novo, aquel mestre de Matemáticas fixo idéntica operación. Descolgouno e gardouno no primeiro caixón.
A mesma operación durante toda a semana, que orixinou profundos debates de altura -en cada clase e en todo o centro- sobre os símbolos relixiosos nos centros de ensino público e que rematou cun Instituto baleiro de crucifixos nas paredes, facendo prevalecer, por consenso, a liberdade de pensamento.
Trinta anos despois, este conto real segue a estar de actualidade. E eu non podo mais que agradecer a aquel mestre de Matemáticas e a todos os mestres do meu Instituto que nos permitisen aos alumnos debater durante perto dun mes sobre o que significaban as verbas "aconfesionalidade" e "laicidade".
Quen non di a verdade cando quere privar a toda a sociedade dun debate profundo sobre esas verbas 30 anos despois?
Quen non quere provocar o debate?
Quen non está interesado en xerar pensamentos libres?
Semella que, 30 anos despois, alguén nos quere facer crer que a sociedade española non está preparada. Nós tiñamos case quince anos e xa o estabamos. Hoxe tamén.