Beatriz Suárez-Vence Castro
O Gafos
Un río no centro da cidade cunha senda verde ó redor e unha xoia natural a conservar. O Gafos e o seu entorno están sufrindo a desidia da Administración e a irresponsabilidade cidadá dende hai moito tempo. A Asociación Vaipolorío ven realizando un traballo meritorio co río e o seu entorno pero é unha tarefa moi solitaria.
Canto máis cercana temos a riqueza, menos a valoramos. Especialmente cando ven dada dun xeito natural.
Paseo a cotío coa miña cadela polo entorno dos Gafos e, malia as limpezas levadas a cabo polo devandito colectivo, o río segue a estar sucio, pola cantidade de verteduras, plásticos e desperdicios que flotan no río. O mesmo sucede cos sendeiros que o arrodean. Hai restos de comida, papeis, botellas...
Dende que o tempo e máis suave é frecuente atopar xente facendo picnic, un costume agradable, sempre que despois se recollan os restos.
Tamén hai moitos puntos nos que se deixa alimento para os gatos, sen que despois se recollan os restos de comida nin os excrementos. O mesmo pasa con algúns "sinais" dos cans.
O remedio non é restrinxir o acceso ós cans senón sancionar a actitude dos donos irresponsables que están a crear un clima de rexeitamento ós animais que nos doe enormemente ós que os amamos e cremos na posibilidade de que tanto cans como humanos poidan gozar dun espazo común único.
No caso dos gatos sería desexable alimentalos noutros lugares máis axeitados porque son depredadores naturais e poden acabar con moitas das especies que atopan ó seu redor, especialmente paxaros e insectos que tamén forman parte do ecosistema.
En canto a auga, é certamente un miragre da Natureza que os peixes poidan criar nela. En moitos tramos está tan turbia que, aínda que leve poquísimo caudal, non se ve o fondo.
Só podemos agradecer a Vaipolorío a sua constante e ingrata labor como gardiáns do Gafos, o noso pequeño gran tesouro e pedirlles que, malia o escaso apoio tanto da Xunta como do Concello, non se rindan. Levarán a cabo unha nova xornada de limpeza o vindeiro 10 de agosto ás 10.00 horas diante da Estación de Autobuses de Pontevedra.
Rogarlles tamén ás duás administración o que nunca pensamos que fixese falta rogar: que coiden o que é de todos; e as persoas que utilizan o río como vertedoiro, hai que recordarlles que cando acaben cos últimos ríos e bosques, non atoparán alimento nas pedras.